Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN VILANOVA DE AROUSA

Denuncian que unha traballadora dunha conserveira en folga sufriu agresións do patrón

Segundo a CIG, o dono da empresa botoulle a man ao pescozo a unha das piquetes. Ofrecémoslle un audio onde as operarias lle explican á Garda Civil a súa situación laboral.

Redacción - 10:35 23/05/2008

As traballadoras da conserveira Pérez Lafuente, en Vilanova de Arousa, puxéronse en folga esta terceira semana de maio e decidiron bloquear a produción da fábrica demandando máis carga de traballo, posto que debido ao seu réxime de fixas descontinuas levan pouco máis de 20 días traballados no que vai de ano (e cobrados).

Estaba previsto que o paro se fixese en xornadas alternas, e esta cuarta feira 21 de maio as operarias en folga xuntáronse un pouco antes das sete de mañá ás portas do predio da conserveira para impedir a entrada a algunhas das súas compañeiras, que non secundaban a folga.

Antes das oito da mañá aparecían un grupo de traballadores que, acompañados do xefe, pretendían acceder ao edificio. As traballadoras impedírono, facendo barreira cos seus corpos, momento no que se viviu certa tensión, aparecendo mesmo a Garda Civil, que porén, anunciou que non ía evitar que as traballadoras bloquearan a entrada "xa que están no seu dereito, e non temos orde da subdelegación do goberno que diga o contrario".

O xefe agride unha das traballadoras
A firmeza das traballadoras, que se negan a asumir que despois de traballar "desde os 12 anos nesta empresa, se desfagan de nós", fixo que as súas compañeiras, que non secundaran a folga, marchasen ao pouco.

Mais sobre as dez da mañá volveron, nun automóbil, o empresario e xefe da empresa xunto co xerente e, aproveitando que a Garda Civil marchara do lugar, empurraron ás traballadoras que seguían gardando a porta do predio. Neste momento o xefe botoulle a man ao pescozo a unha das piquetes, segundo denuncia a CIG, e ameazou, ao tempo, a un traballador deste sindicato do Salnés, da FGAMT, alí presente.

Mais as mulleres resistiron e non se moveron da porta, mentres o patrón as ameazaba con que "a empresa vai pechar, e vai ser pola vosa culpa".

A traballadora agredida e o traballador da CIG presentaron senllas denuncias por agresión e ameazas, mais tamén o fixo o empresario xefe, polo seu lado.

Esta sexta feira continúa a folga.


Momento no que chega a Garda Civil á porta da conserveira, e as traballadoras en folga expoñen a súa situación


4/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As traballadoras, facendo garda á porta do predio
As traballadoras, facendo garda á porta do predio
Unha faixa pendurada na fábrica na que se pode ler "Conservas Pérez Lafuente, as fixas descontinuas queremos traballar xa! CIG"
Unha faixa pendurada na fábrica na que se pode ler "Conservas Pérez Lafuente, as fixas descontinuas queremos traballar xa! CIG"
As traballadoras mantiveron o paro "xuntas e unidas" / Imaxes: CIG
As traballadoras mantiveron o paro "xuntas e unidas" / Imaxes: CIG