O goberno español elude facer declaracións ao respecto. As mesmas fontes din que os piratas fuxiron en coches alugados dende a localidade de El Hud.
Os piratas que mantiñan secuestrado o pesqueiro Playa de Bakio fronte as costas de Somalia recibiron 1,2 millóns de dólares (perto de 770.000 euros) a cambio da liberación dos mariñeiros, segundo asegurou o presidente da autoridade portuaria da localidade somalí de Haradhere, Abdisalam Jalif Ahmed.
"O barco foi liberado sobre as 16.00 horas (15.00, hora galega). Os nosos servizos de intelixencia informáronos de que os piratas recibiron 1,2 millóns de dólares, entregados nun barco pequeno", explicou Ahmed. "Tamén sabemos que os piratas chegaron á localidade de El Hud, onde alugaron uns coches nos que marcharon", agregou.
Porén, ao contrario que o goberno francés cando o secuestro dun iate de luxo na mesma zona, o español non preparou unha operación militar para perseguir aos piratas unha vez liberados os seus reféns.
O goberno español nin confirma nin desminte
Contra as 18.30 horas, a vicepresidenta do goberno español comparecía nunha rolda de prensa urxente, acompañada polas ministras de Pesca, Elena Espinosa, e Defensa, Carme Chacón. A liberación, sinalou, produciuse grazas a "unha acción coordinada e conxunta do goberno, do armador e da diplomacia".
Fernández de la Vega eludiu todas as preguntas que se lle fixeron sobre o pago dun rescate e sinalou que a prioridade foi salvagardar a integridade física da tripulación. Preguntada polos secuestradores, De la Vega limitouse a indicar que "os servizos de intelixencia seguen a traballar".