Para que non se reduzan os horarios destas dúas materias no Bacharelato xuntáronse en Compostela esta cuarta feira, fronte a sede da Consellaría de Educación.
Uns 300 mestres e delegados sindicais concentráronse hoxe en Compostela para reclamarlle á Consellaría de Educación que manteña o horario lectivo que actualmente teñen as materias de Educación Física (2 horas) e de Filosofía (3 horas) no currículo de Bacharelato, no canto de reducilas a unha soa hora. Tamén se pedía que a materia de Relixión (que agora conta con dúas horas) se imparta fóra do horario lectivo.
Con lemas como "Por outro decreto do Bacharelato. Máis horario de Filosofía, Educación Física e Historia", "Bacharelato de calidade" e "En defensa da Filosofía", profesores de Música, Filosofía, Educación Física e delegados sindicais, convocados por CIG-Ensino e apoiados polo STEG e a Sociedade Galega de Filosofía (Sogafi), xuntáronse ao mediodía en San Caetano.
Levaban instrumentos musicais e balóns de fútbol, e corearon consignas como "Negociación, non imposición", ao tempo que lle pedían a Educación que repensase o decreto que fixa os currículos do Bacharelato para chegar ao "maior consenso posíbel" e conseguir que o nivel educativo en Galiza sexa "compensado, de calidade e laico".
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, volveu reivindicar que as dúas materias teñan unha hora máis que pode ser "a conta de Relixión", como tamén defende o sindicato STEG. Ámbolos dous sindicatos criticaron a postura da Consellaría de Educación por "dar unha visión de negociación e diálogo cando tende a unha actuación contraria ao que predica".
Máis mobilizacións
A vindeira segunda feira a CIG ten convocada outra concentración en Compostela, coincidindo coa xuntanza do Consello Escolar de Galiza. O día a seguir organizaron unha manifestación que ha partir ás 11:30 horas da Praza do Toural, na capital de Galiza.