Ás 11.00 horas deste luns estaba prevista unha xuntanza entre sindicatos e patronal na Delegación de Traballo.
Asemblea de traballadores, este sábado en Vigo
O sector do Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra iniciou este luns ás 00.00 horas unha folga que se prolongará deica esta cuarta feira. Estaba previsto que os sindicatos convocantes, UXT, CIG e CCOO, mantivesen unha xuntanza coa patronal ás 11.00 horas.
Antes, o 12 de abril, nunha asemblea organizada polas tres centrais, os traballadores acordaron que o paro fose indefinido a partir do 5 de maio se os empresarios non sentaban para negociar. Este sábado mantiveron unha outra reunión para preparar a reivindicación.
O principal obxectivo dos folguistas está a ser a Zona Franca de Vigo. Nas primeiras horas desta mañá, conseguiron paralizar a produción da quenda de noite de Citroën, así como a saída de peixe dos portos pesqueiros, mais membros antidisturbios da Policía achegáronse até o lugar para disolveren a manifestación e xa conseguiu circular algún camión.
Demandas laborais
Os traballadores demandan da patronal dous días de asuntos propios, así como a xubilación anticipada e días por falecemento e enfermidade de familiares máis alá do primeiro grao, que só inclúe pais e fillos.
Ademais, reivindican que os accidentes de tráfico dos camioneiros sexan recoñecidos como sinistros laborais e que se incrementen tanto as axudas de custo como os salarios. Segundo os sindicatos, o convenio actual "é dos peores do Estado".