A Federación Catalá aceptou a decisión da Asociación de Fútbol Arxentino, a pesares de ter dito que só ía xogar de ser contra a absoluta.
A xunta directiva da Federación Catalá de Fútbol (FCF) aceptou, finalmente, xogar contra a selección arxentina sub-23 o vindeiro 24 de maio no Camp Nou.
Hai unhas semanas, cando aínda non se sabía que combinado arxentino ía viaxar a Barcelona, o presidente da FCF, Jordi Roche dixo que só aceptaría aos sub-23 se tamén xogaban os desta categoría que fosen membros, tamén, da selección absoluta.
Esta terza feira o presidente da Asociación de Fútbol Arxentino (AFA), Julio Grondrona, confirmoulle a Roche que a selección que vai cruzar o Atlántico é a mesma que vai loitar polo ouro nos Xogos Olímpicos de Beixín 2008, na que hai nomes tan destacados como Messi (FC Barcelona), Zabaleta (Espanyol) e Banega (Valencia).
Hai que destacar que a maior parte dos xogadores deste combinado arxentino militan no fútbol europeo, cousa que favorece á AFA, posto que o 24 de maio proposto para o encontro hai xornada da liga arxentina.
Suspendido o encontro dos veteranos
O partido que se había xogar o vindeiro 26 e abril no Pavillón Olímpico de Badalona entre os veteranos cataláns e os arxentinos (entre os que andaba Maradona, após perder peso), non se vai disputar debido a que a selección arxentina e a empesa promotora non deron garantías dabondo de estar presentes na data prevista.