A federación catalá só vai aceptar xogar se veñen os futbolistas máis destacados da selección absoluta.
A Asociación de Fútbol Arxentina confirmou esta cuarta feira que ten a intención de xogar en Cataluña o vindeiro 24 de maio co combinado olímpico sub-23, e non coa selección absoluta. Os arxentinos xustifican a súa decisión asegurando que agardan que o amigábel entre as dúas seleccións lles sirva aos mozos da sub-23 para prepararse para as Olimpíadas de verán, en Beixín.
Cando aínda non se sabía nin onde se había xogar o partido, a Federación Catalá de Fútbol dixo que só ía aceptar á selección sub-23 se tamén viñan con ela os futbolistas da selección absoluta.
Polo momento, nin a Federación Catalá nin a empresa intermediaria, Multimedia Sports, dixeron nada sobre o anuncio de Arxentina. Aínda así, hai que destacar que na selección sub-23 arxentina hai nomes tan destacados como o de Messi (FC Barcelona), Zabaleta (Espanyol) e Banega (Valencia).
Un partido con moitos problemas
Ademais, xusto o mesmo día que foi escollido para o encontro internacional (24 de maio), hai xornada na liga arxentina e a Asociación de Fútbol deste país só quere que xoguen no Camp Nou (estadio escollido) os futbolistas que militan en clubes europeos, o que non prexudicaría o seu campionato nacional.
A pesares de que este encontro comezou a se organizar en decembro do ano pasado, houbo que agardar até o 28 de febreiro para que a Federación Española de Fútbol dese o seu visto e prace. Naquela altura, despois da autorización española, Joan Gaspart, como presidente da federación catalá asegurou que ao final todo tiña discorrido como debía ser grazas a intermediación de Joan Laporta, presidente do Barça.
Con todo, a pesares das dificultades e dos tirapuxas dos españois e arxentinos, os cataláns ameazaron con suspender o encontro se non van convocados "futbolistas de primeiro nivel mundial".