A Cámara non aceptou un informe que propoñía controlar as descargas dos internautas e cortarlles a conexión se usaban software P2P.
O Parlamento Europeo rexeitou penalizar a descarga masiva de produtos culturais a través da internet. Na última sesión, 314 europarlamentarios, fronte a 297, votaron contra un informe que avogaba por restrinxir o uso da rede ás persoas que empregan programas de intercambio de arquivos para acceder á cultura de balde.
O texto aprobado pola Cámara afirma que a internet é un novo xeito de acceder aos produtos e servizos culturais, e que se debe permitir o seu acceso por riba da lóxica económica e comercial. Tamén recoñece que os titulares dos dereitos merecen unha compensación económica para garantir a viabilidade das industrias culturais, pero sempre en equilibrio cos dereitos dos internautas.
O informe que rexeitou o Parlamento Europeo pedía que os proveedores de acceso á internet puidesen controlar as descargas dos seus subscritores e penalizar ou cortarlles a conexión aos que fixesen uso masivo dos programas de intercambio de arquivos. Estas medidas están a ser aprobadas polo Reino Unido e mais Francia.