A xuíza Paz Aldecoa Álvarez-Santullano, do Xulgado do Penal número 3 de Santander, vén de converterse na persoa máis querida entre os cibernautas de todo o estado. O motivo? A absolución de un cibernauta que fora denunciado por AFYVE e ADESE por intercambiar cancións, baseándose en que o acusado non tiña ánimo de lucro nos seus intercambios. A sentenza recolle, ademais, que "entender o contrario implicaría a criminalización de comportamentos socialmente admitidos e ademais moi espallados nos que o fin non é en ningún caso o enriquecemento ilícito, senón o xa reseñado de obter copias para uso privado".
As asociacións AFYVE (Asociación Fonográfica y Videográfica Española) e ADESE (Asociación Española de Distribuidores y Editores de Software de Entretenimiento) solicitaban unha pena de 3 anos de prisión e unha multa de 15 euros diarios durante 16 meses ao internauta denunciado, que se limitou a pedir a súa absolución baseándose en que o intercambio de arquivos non está penado no estado español.
Foi precisa unha peritaxe para demostrar que o acusado non recibira nin entregara cartos en ningún momento a cambio dos arquivos emprestados. Esta posibilidade non resulta incompatíbel coa Lei de Propiedade Intelectual, que recolle que as copias sen autorización do autor, sempre que sexan para uso privado e non se obteña beneficio económico con elas, son plenamente acordes coa legalidade. Así, os feitos non son constitutivos de delito, e o internauta está absolto.