Ademais, o Goberno aprobou un programa que levará 130 alumnos Erasmus por institutos do país como auxiliares de conversa en inglés e en francés.
O programa de vacinacións para os vindeiros dous anos incluirá como principal novidade a introdución da vacina contra o virus do papiloma humano. A súa inclusión, aprobada no Consello da Xunta deste xoves, débese á recomendación do Consello Interterritorial do Sistema Español de Saúde.
A vacina elimina, aínda que non totalmente, o risco de padecer cancro de cérvix, polo que Sanidade aconsella someterse aos programas de detección precoz da doenza e a empregar medidas de protección.
No concurso inclúense en total 20 vacinas diferentes e un investimento total, para o exercicio 2008, de case 30 millóns de euros. Deles, máis de 8 millóns son para a vacina contra o virus do papiloma humano. En 2009 investiranse, en total, 15 millóns e en 2010, case 6.
Auxiliares de conversa
Outra das medidas aprobadas no Consello do 10 de abril foi o visto e prace ao informe da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria sobre o programa de auxiliares de conversa en centros docentes non universitarios. Enmarcado no plan de linguas estranxeiras, está a levar 130 auxiliares de conversa en inglés e en francés, procedentes do programa Erasmus, a 127 centros do país, durante o presente curso 2007-2008. É unha iniciativa pioneira no Estado Español.
O programa, que se realiza coa colaboración das Univesidades de Santiago de Compostela e de Vigo, ampliarase no vindeiro curso, coa incorporación da Universidade da Coruña, co que se sumarán 60 auxiliares de conversa en lingua estranxeira, até os 190. Os convenios coas universidades están presupostados en 125.000 euros, dos que a Xunta achega o 60% e o Ministerio o 40% restante. O investimento anual total do programa é de 375.000 euros.
O obxectivo é mellorar os coñecementos do alumnado en linguas estranxeiras e nas culturas dos seus respectivos países, ao tempo que os estudantes de intercambio entran en contacto co noso sistema educativo e coa nosa cultura e costumes.
O programa de reforzo da oralidade complétase con outra iniciativa cofinanciada polo Ministerio de Educación e Ciencia para o incremento das prazas de profesores nas Escolas Oficiais de Idiomas, que achegarán 29 auxiliares de conversa durante o curso 2008-2009.