Dende xuño, Educación limitou a posta en funcionamento do servizo Equale, polo que se podería obter unha titulación oficial, á existencia de canda menos 15 alumnos por clase.
O voceiro de Educación do BNG no Parlamento, Manuel Parga, reclamou á Consellaría de Educación que se revisen os cambios programados no programa Equale, polo que estaba previsto ofrecer a posibilidade de estudar idiomas estranxeiros en horario extraescolar a todos aqueles interesados que vivan nas zonas afastadas das escolas oficiais de idiomas.
Mediante este plan, os alumnos de ESO e Bacharelato poderían obter un título básico de carácter oficial, mais debido a unha orde emitida en xuño de 2007, a Consellaría de Educación vai poñer en marcha unha serie de medidas que restrinxen o acceso a este programa, como a necesidade de que exista un número mínimo de alumnos, que sitúan en 15 e a imposibilidade de xuntar estudantes de diferentes idades para acadar ese número.
Parga pedirá que "se reconsidere unha nova reformulación da orde da consellaría para dar maior facilidade para que todos os centros e o conxunto do alumnado galego poida acceder á formación en linguas estranxeiras e obter a correspondente titulación" e lembrou o pacto que o BNG e o PSOE de "potenciar os servizos públicos no rural", pedindo "un esforzo para mellorar a situación".