O goberno chinés considera que "ameazan a seguridade nacional" e que non inclúen territorios reclamados polo estado.
A zona en conflito / Yahoo Maps
O goberno chinés anunciou que emprenderá accións contra as webs de mapas que ofrecen información xeográfica "ilegal", por considerar que ameazan a seguridade do Estado. Segundo anunciou o subdirector da Oficina Estatal de Cartografía, Ma Yiren, os ministerios de Seguridade Pública, de Asuntos Exteriores e outros seis departamentos estatais serán os encargados de levar adiante a iniciativa.
A medida pode afectarlles ás webs que ofrecen imaxes vía satélite da China, que consideran Taiwán un estado independente ou que non inclúan dentro do territorio chinés as illas Spratly ou Diaoyu. Porén, o representante gobernamental dixo que a campaña vai dirixida, maiormente, ás 10.000 páxinas chinesas que ofrecen eses mapas "sen permiso".
O anuncio do goberno chinés contrasta cos feitos nos últimos días, que parecían prever unha certa apertura á liberdade na rede, como o levantamento dos vetos á web da BBC ou ao YouTube.