Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
210 MILLÓNS

China convértese no país con máis internautas do mundo

O país asiático ten previsto superar a comezos de 2008 o até agora líder da rede, os Estados Unidos.

Redacción - 13:20 18/01/2008

China está a piques de se converter na primeira potencia na internet do mundo. Segundo un informe do CNNIC, organismo gobernamental de información sobre a rede, ao rematar o 2007 xa eran 210 millóns os internautas chineses, só cinco millóns por debaixo do líder, os Estados Unidos.

As previsións indican que o país asiático se converterá a comezos de 2008 no país con máis poboación conectada á rede do mundo, do mesmo xeito que xa é o estado co meirande número de usuarios de teléfono móbil, 539,4 millóns a finais de novembro.

A incorporación da China á rede estase a producir a ritmo acelerado. O ano pasado conectáronse 73 millóns de novos individuos, e o principal aumento deuse no campo, onde até agora as malas infraestruturas e os baixos ingresos freaban a 'dixitalización' da poboación. Os usuarios rurais da internet acadaron os 52,6 millóns, cun crecemento do 127,7 por cento.

Unha das principais causas da popularización da internet pode ser o a posibildade de expresarse con máis liberdade nun réxime onde os medios de comunicación tradicionais están rigorosamente controlados polo Goberno. Por iso, o presidente Hu Jintao xa expresou a súa preocupación por "purificar" a internet. O último exemplo foi o anuncio de que só entidades estatais poderán operar webs con contidos audiovisuais.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: