A gravación, filtrada ao portal Tudou.com, puido ser obra dun empregado do transporte de Xangai.
Un fotograma da gravación
Se a China xa é o país con máis internautas do mundo, ou está a piques de selo, non é de estrañar que o que aconteza alí estea a cobrar cada vez máis relevancia na rede. O último fenómeno é o vídeo dunha parella bicándose á entrada dunha estación do metro de Xangai. Pero a polémica xurdiu polo feito de que as imaxes proceden das cámaras de seguridade do servizo de transporte urbano.
O vídeo apareceu por primeira vez no portal chinés Tudou, e xa se pode ver tamén en YouTube. A persoa que pendurou a peza na internet titulouna "Esta rapaza deséxao demasiado", e amosa unha parella nova que se despide de xeito apaixonado á entrada da estación de Youyi Lu, na liña 3 do metro da cidade chinesa de Xangai. Pero o grave é que o vídeo puido ser captado por algún empregado do transporte metropolitano. A compañía xestora, Shanghai Shentong Metro, está a investigar quen é o responsábel.
Por se fose pouco, a parella que sae no vídeo xa se puxo en contacto coa empresa para que a compense, e anunciou que levará o caso ao xulgado. A compañía de transporte anunciou que tomará medidas "serias" coas persoas involucradas e que emprenderá medidas de "educación" ética dos seus traballadores.
O caso serviu para abrir o debate sobre a ameaza que poden supoñer para a intimidade as innumerábeis cámaras de seguridade instaladas en lugares públicos que existen na China. Tamén a administración está a pensar en regular os portais de vídeos na internet, que non censuran os seus contidos. O 31 de xaneiro entrará en vigor unha lei que prohibirá en todo tipo de medios de comunicación os contidos difamatorios ou que atenten contra os dereitos das persoas. As infracións serán castigadas con multas.