Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas dende Belgrado

Des-mitificando Kosovë

Jairo Dorado envíanos unha outra visión (a segunda) sobre o conflito 'albano-serbo-cosovar', desta volta en relación aos mitos que o rodean e de como, grazas aos medios occidentais, se consolidan.

Jairo Dorado - 10:55 09/03/2008
'A viúva de Kosovo', alegoria de Serbia, de Uros Pedric (seculo XIX)

'A viúva de Kosovo', alegoria de Serbia, de Uros Pedric (seculo XIX)

Nas últimas semanas temos escoitado os motivos cos que serbios e albaneses (sexan ou non kosovares) fornecen os seus "argumentos" para a defensa do territorio. E os medios occidentais repítenos -sen o máis mínimo sentido crítico e sempre cunha perspectiva dos problemas locais, ora do Estado Español, ora da Unión Europea, como ben destacou hai pouco o profesor Carlos Taibo nunha carta a El País- para ben lles dar ben lles quitar a razón. Realmente, algunha delas é certa?

"O berce da nación serbia" -segundo os serbios- "é a súa Covadonga" -segundo os comentaristas máis cañís da Iberia- para se referiren a Kosovë. A verdade é que non é o berce nin é Covandonga, senón máis ben un lugar [real?] intimamente asociado á conciencia nacional serbia e ao seu romanticismo.

De vivir en Serbia saberase do "mito de Kosovo": o 28 de xuño de 1389 un exército cristián formado [principal pero non unicamente] por serbios enfrontouse ao exército otomano na batalla de Kosovo polje [lit. o Campo dos Merlos]. As tropas serbias [ou mellor dito, cristiás] foron derrotadas nunha loita na que os dous exércitos perderon cadanseu príncipe: Murat os otomanos e Lazar os serbios. Tamén perderon os serbios ao seu paladín Miloš Obilić ao matar a Murat.

Este feito foi recollido nun poema épico cun forte trasfondo relixioso do que se pode botar unha idea aínda hoxe presente dun xeito ou outro no nacionalismo serbio: a derrota na terra (no Campo dos Merlos) supuxo a vitoria celestial. O noso pobo perdeu, pero gañou na derrota. Os 500 anos de submisión aos turcos fixo posíbel o renacemento da nación.

De deixarmos de lado un pouco a perspectiva ["histórica"] serbia e analizarmos algo a do veciño húngaro, observaremos que nas análises das razóns históricas serbias están máis presentes os factores mitolóxicos cá propia realidade: segundo fontes húngaras -que salienta o feito coma unha "incursión"-, na batalla os serbios eran maioría -por así dicilo, xogaban no seu terreo- pero canda eles estaban albaneses, búlgaros, gregos, croatas, húngaros e até bohemios.

Os húngaros, segundo contan as crónicas, foron alá a ver quen eran estes otomanos para "se preparar". Realmente non é "o berce" da nación serbia, senón da conciencia nacional serbia, xa que no romanticismo foi este mito -o do Campo dos Merlos, Lazar e Miloš Obilić- o elemento do que xermolou a conciencia nacional que calquera pobo europeo tivo: realmente non é "Covadonga ou Castela" [Ä?ukić dixit]: máis ben Guadalete -e coido que ninguén o sabe situar no mapa de España.

Patria e relixión
Alén diso, cómpre entender que Serbia foi probabelmente o estado europeo no que o sistema feudal estivo máis presente durante máis tempo (de feito aínda hoxe algo diso hai: o primeiro ministro Kostunica é familia do que será o vindeiro xefe da igrexa ortodoxa serbia...) e os mosteiros -presentes en Kosovo e por toda a xeografía serbia- foron o lugar no que se conservou este e outros mitos durante os 500 anos que comezaron cando e canda o Campo dos Merlos. "Se hai mosteiro serbio, é territorio serbio" din; hai dez anos o lema era "onde haxa unha tumba dun serbio, alí está Serbia". Igrexa é estado xuntos da man...

Os albaneses, tampouco, é que teñan moita razón nos feitos históricos: para empezar, poucos falan de que cando a devandita batalla, os albaneses estaban xunto cos serbios e non contra eles. A conversión ao Islam -"só" da metade da poboación albanesa- viría máis tarde e durante o romanticismo foi un factor polo que a conciencia nacional albanesa tardou tanto en espertar (mentres gregos, búlgaros, serbios... expulsaban ao "inimigo musulmán", os albaneses eran maioritariamente... musulmáns).

De feito, pensadores albaneses, nun momento histórico, chamaron á conversión ao Islam xii da poboación: o martirio de Kerbala era ben atractivo -e semellante estrutural e conceptualmente ao do Campo dos Merlos que, por certo, existe tamén na súa versión albanesa. Un coñecido escritor metido tamén a "historiador" e "antropólogo", escribiu unha novela-alegato defendendo que a versión albanesa dese mito é a "orixinal": Ismail Kadare -próximo premio Nóbel- defendeu días atrás a unidade de Kosovë e a "nai" Albania. Defende tamén a tese de que os albaneses teñen "dereito" sobre Kósovo por dous motivos: son máis -obvio- e estaban antes -discutíbel.

O motivo da maioría é moi relativo: tamén os macedonios son maioría na (ex-República Iugoslava de) Macedonia e ben que negociaron cos albaneses antes de ir á guerra no 2001. Este facto, abofé, que Kadare o ignora a pesar de ben o coñecer.

Cando Kadare fala de "antes" non fala de datas exactas, senón que menciona o período anterior á chegada de Roma, traendo a colación aos ilirios. Son os albaneses "ilirios"? Segundo o recollido polas fontes romanas, non: as súas descricións físicas e as súas descricións culturais non coinciden moito cos albaneses actuais e infelizmente son o único referente sobre como eran os Ilirios (abofé que choveu a esgalla en dous mil anos...).

Maioría albanesa
Outra teoría, algo máis estendida fóra de Albania, é que os albaneses chegarían antes cós eslavos e procedentes do Caúcaso, polo que a chegada a Kosova pouco deferiría coa dos serbios. O profesor Taibo tamén indica que os albaneses, aínda sendo ilirios, chegarían a Kosovo tras a presenza eslava. Estando empatados, aparece o terceiro mito desta rexión: a emigración, da que tamén moito se fala.

Segundo se di, Kosova ten maioría albanesa "porque Tito permitiu a emigración masiva". Certo e falso. Os albaneses no censo, por primeira vez, aparecen como maioría en Kosovo nas estimacións feitas polo Imperio Austro-Húngaro a finais do século XIX. É certo que foi despois da II Guerra Mundial -e da limpeza étnica feita por italianos e albaneses en Kósovo- e da ruptura de relacións entre Hoxha e Tito, cando houbo un pulo con respecto as emigración dende Albania a Kosovë, no que a balanza torceu definitivamente do lado albanés. De feito, e como curiosidade, disque existen dous grupos de albaneses dentro de Kosova...

O peor dos mitos é que todos falan de Kósovo segundo o público quere oír del: realmente houbo tres períodos de xenreira aberta nesa zona e os tres nos últimos cen anos. Ger Duijzings, un "descoñecido" antropólogo holandés que escribiu a súa tese sobre Kosovo entre 1989 e 1992 -e que probabelmente sexa o maior experto mundial na rexión, dende o seu punto de vista social- deixa mallada a situación, resumible nunha frase: Kosovo é vítima de mitos tecidos fóra de Kosovo e alleos aos habitantes de Kosovo.

E por certo, o topónimo de orixe eslava -sen que pola orixe se lle dea a razón aos serbios- é Kosovo, Kosova, Kosovë, Cosovo, Dardania...? Moitas vacas de máis no millo.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Kosovo polje', a batalla de 1389 , nunha pintura de Adam Stefanovic (1870)
'Kosovo polje', a batalla de 1389 , nunha pintura de Adam Stefanovic (1870)
Unha tanqueta da KFOR fronte ao monumento no lugar de 'Kosovo poljie'
Unha tanqueta da KFOR fronte ao monumento no lugar de 'Kosovo poljie'
Localización da 'Kosovo poljie'
Localización da 'Kosovo poljie'