"O goberno non ten unha política única en torno ao futuro do país, en concreto sobre Cosova, e non pode funcionar. Isto é o seu fin", indicou Vojislav Kostunica.
O primeiro ministro serbio Vojislav Kostunica anunciou este sábado a súa dimisión ante a crise que se vive no seu goberno sobre o achegamento á Unión Europea así como sobre as diferenzas en relación á independencia de Cosova, declarada o pasado 17 de febreiro.
Ademais, anunciou unha sesión especial para este luns na que se discutirá a disolución do parlamento e anticipou a posibilidade de convocar eleccións parlamentarias anticipadas para o día seguinte, coincidindo cos comicios municipais en Serbia.
Na súa comparecencia, o líder do Partido Democrático de Serbia (DSS), acusou indirectamente aos seus compañeiros pro europeos na coalición de se renderen á hora de defender a pertenza a Serbia da autoproclamada República de Cosova a cambio de mellorar os seus lazos coa UE, que apoia a independencia.
Segundo Kostunica, unha pequena parte da coalición desexaba que Serbia fose membro da UE só se a independencia de Cosova, aceptada por dous terzos do bloque europeo, quedase revogada; namentres que a maioría non se amosaba partidaria de formar parte do bloque europeo.
"O goberno non ten unha política única. Non a ten en torno ao futuro do país, en concreto sobre Cosova como parte integrante de Serbia. O Goberno que non ten política única non pode funcionar. Isto é o seu fin", indicou.
Proposta de resolución do SRS
A nova crise no seo do goberno serbio xurdiu hai uns días, despois de que o opositor Partido Radical Serbio (SRS) pedise un debate no parlamento sobre a súa proposta de resolución, que prevé desbotar a posibilidade dun ingreso na UE se esta non recoñece que Cosova forma parte de Serbia.
O DSS de Kostunica adiantou entón que apoiaría esa proposta. Porén, o presidente serbio, Boris Tadic, do Partido Democrático (DS) con que comparte o goberno Kostunica, insistiu en que esa evolución sería daniña e perigosa para o país, e insistiu en que só un país reforzado no sentido político e económico e integrado nas estruturas europeas sería quen de defender os seus intereses en Cosova.