Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
A Audiencia provincial madrileña reabre o caso

Volve a 'Operación Puerto'

Para saber se os doutores implicados, Eufemiano Fuentes e José Luis Merino, cometeron un delito contra a saúde pública, volve a investigación sobre a meirande acción contra a dopaxe no Estado.

Redacción - 12:55 15/02/2008
Mostras de sangue atopadas na casa de Fuentes

Mostras de sangue atopadas na casa de Fuentes

A Audiencia Provincial de Madrid decidiu esta quinta feira reabrir a 'Operación Puerto', para determinar se os doutores Eufemiano Fuentes e José Luis Merino cometeron un delito contra a saúde pública, ao manipular as bolsas de sangue de varios ciclistas, que tiñan no seu poder, co fin de aumentar o seu rendemento.

Deste xeito, a Audiencia madrileña, ao reabrir o caso, estimou parcialmente o recurso da Avogacía do Estado e da Agrupación Internacional de Grupos Ciclistas, ao entender que puido haber indicios de delito en aspectos como a obtención, transporte, conservación e identificación das bolsas de sangue localizadas durante a investigación. Tamén advirte que puido existir delito por tráfico de medicamentos e manipulación do sangue.

O tribunal madrileño estabelece, con esta nova medida, que se continúen as investigacións, a partir do informe do Instituto Toxicolóxico e a proposta da Avogacía do Estado, que fora arquivado en marzo do ano pasado polo xulgado madrileño que o levaba.

Unha operación que danou a carreira de moitos ciclistas
Daqueles cuxa participación foi demostrada, e daqueles que se vincularon a partires dos ruxerruxes da prensa e das entidades deportivas.

Moitos deportistas quedaron sen poder participar en varias carreiras internacionais, como foi o caso do galego Marcos Serrano, (que tivo que abandonar o Karpin Galicia por non poder facer o calendario que para el se tiña planeado, debido aos vetos dos organizadores das carreiras), ou o máis recente de Alberto Contador, que non vai poder correr o Tour de 2008, a pesares de ser o gañador da edición de 2007, porque o seu equipo, o Astana, e viu implicado nas tramas da dopaxe.

Nos círculos ciclistas lamentáronse moito os prexuízos que causou a 'Operación Puerto' nas carreiras de moitos corredores e no futuro deportivo dalgúns clubes, e pesares de ser sobresida e arquivada a causa.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: