Dende o BNG consideran que se debería investigar de oficio o ocorrido para comprobar se houbo actuacións irregulares.
O municipio de Aranga vive a resaca de ver como, da noite para a mañá, o goberno local propón unha recualificación de tres millóns de metros cadrados de terreo rústico. O alcalde da localidade, Manuel Brañas (PPdeG), recoñeceu a semana pasada que o consistorio tiña asinado, dende hai dous anos, un convenio co empresario Xosé Collazo Mato, un dos máis importantes magnates do xogo a nivel mundial. O acordo secreto tiña como fin facilitar a construción dun macropolígono e de 744 vivendas. A polémica chegou cando algúns veciños aseguraron que venderan as fincas pensando que eran para un couto de caza, perdendo así de obter máis diñeiro polos seus terreos.
Para o BNG, o sucedido en Aranga pode ter consecuencias legais. O propio voceiro dos nacionalistas no Parlamento, Carlos Aymerich, sinaláralle a Vieiros que o lóxico é que a fiscalía especializada en temas urbanísticos estude se hai irregularidades: “Sería dificilmente entendíbel que non se investigue de oficio”. Porén, horas despois destas declaracións, fontes da Fiscalía do TSXG aseguráronlle a este xornal que non hai dilixencias abertas xa que consideran que, polo de agora, é un asunto administrativo. Dende o ministerio público subliñan que só analizarán o ocorrido se lles chega algunha denuncia formal.
Mentres tanto, a polémica recualificación, unha das maiores en todo o Estado, comeza a pór en pé de guerra este pequeno municipio rural da comarca de Betanzos. De feito, os propios veciños, organizados nunha plataforma, convocaron unha manifestación para o vindeiro sábado no lugar d'A Castellana. Pola contra, o rexedor mantén que o proxecto é beneficioso para o municipio xa que traerá empregos e propiciará que medre notabelmente a poboación. O goberno local non ten previsto mudar de postura a respecto do PXOM, que polo de agora aínda se atopa no período de alegacións, antes de que o pleno o aprobe de xeito definitivo.