Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA RECLASIFICACIÓN

O Concello de Aranga recualifícalle tres millóns de metros ao 'rei do xogo'

O goberno local do PP permitirá que o magnate coruñés Xosé Collazo ocupe case o 3% do municipio para construír un macropolígono e 744 vivendas.

Redacción - 14:30 07/02/2008

O nome de Xosé Collazo Mato pode pasar desapercibido para moitos, pero a estes apelidos responde un dos máis importantes empresarios do xogo a nivel mundial. Collazo Mato posúe casinos, bingos e salóns recreativos en toda Europa (especialmente no este) e en boa parte de América. Agora, o Concello de Aranga vén de recualificar tres millóns de metros cadrados (case o 3% da extensión dun municipio que ten 119 km2) para que o empresario coruñés poida construír un polígono industrial e 744 vivendas destinadas a traballadores do futuro polígono. O alcalde, Manuel Brañas (PP), chegou a un acordo con Collazo Mato para que o novo PXOM convirta o terreo rústico en urbanizábel.

A noticia, que desvelou esta semana La Opinión de A Coruña, supuxo unha auténtica revolución nun pequeno municipio, escasamente poboado e eminentemente gandeiro. O máximo mandatario local sostén que este proxecto urbanístico, un dos máis grandes neste momento a nivel estatal, é a “salvación” dun concello que ve como a xente nova busca traballo en vilas como Betanzos ou en cidades como A Coruña. Dende a oposición móstranse cautelosos e sorprendidos cun proxecto sobre o que afirman tiveron moi pouca información.

Pero quen é 'o rei do xogo'?
Ao igual que o dono de Inditex, Amancio Ortega; a Collazo Mato non lle gustan os flashes dos fotógrafos. 'O rei do xogo' converteuse en tres décadas nun magnate. A finais dos anos 70 empezou a traballar con tres modestas máquinas comecartos na Coruña que el mesmo se encargaba de amañar cando se avariaban. O bum destes aparellos, logo de anos de prohibición, fixo ricos aos que se dedicaron ao xogo. Pero Collazo Mato, propietario do Casino Atlántico da Coruña, foi máis aló e construíu un auténtico imperio, denominado Grupo Comar, con casinos e bingos por medio mundo (República Dominicana, Venezuela, República Checa, Eslovaquia...) e máis de 2.000 traballadores en nómina.

Nos anos 90, Collazo Mato diversificou os seus negocios e introduciuse no mundo da construción. Na cidade da Coruña, promoveu grandes urbanizacións como a de Matogrande ou centros de ocio como o Palexco. Mais recentemente, en sociedade co antigo propietario de Fadesa, Manuel Jove, e do Tecam, Xosé Souto, mercou os terreos da antiga subestación de Unión Fenosa na Grela, onde inicialmente está previsto que Ikea e Hipercor constitúan un centro comercial.

Mais a impresionante carreira empresarial de Collazo Mato tamén tivo partes máis escuras. En 2005 o seu nome foi asociado ao do empresario ourensán Olegario Vázquez Raña nunha controvertida concesión de licenzas en México.


4,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: