A xunta directiva do buscador rexeitou a oferta da compañía de Gates, que xa aspira a mercar participacións na empresa para forzar a venda.
Como xa adiantara este domingo o Financial Times, a xunta directiva de Yahoo! decidiu rexeitar a OPA hostil que presentou Microsoft contra a compañía. Yahoo! considera que a oferta presentada pola empresa presidida por Bill Gates non é suficiente, a pesar de que Microsoft terá que pedir un préstamo para facerlle fronte. Ademais, dá por feito que as autoridades reguladoras da competencia non autorizarían a operación de compra.
Porén, a empresa creadora do sistema operativo Windows ten a posibilidade de mercarlles directamente as súas participacións aos accionistas de Yahoo!, co que se faría co control da empresa. Deste xeito, Yahoo!, baixo o control de Microsoft, acabaría por aceptar a oferta. O buscador da internet non aceptaría una oferta inferior aos 40 dólares por acción, 12.000 millóns máis ca o que Microsoft ofreceu por Yahoo.
Microsoft podería emprender, entón, unha guerra pola representación na xunta de Yahoo! na xuntanza prevista no mes de xuño. Na carta en que o conselleiro delegado de Microsoft, Steve Ballmer, presentaba a oferta, xa advertía de que se reservaba "o dereito a empregar todos os métodos que foren necesarios".