O representante da República Árabe Saharauí Democrática no noso país fala para Vieiros da terceira rolda de negociacións co goberno marroquí que comeza este luns en Nova York.
Que agardan desta terceira rolda de negociacións?
En principio que a ONU se poña en serio na resolución do conflito. Xa despois, afirmar que tal e como acordaron os representantes do pobo saharauí no último congreso que tivo lugar en Tifariti entre os días 12 e 18 de decembro, se non hai un cambio de actitude por parte do goberno de Marrocos, habemos de ir á guerra. Queren instaurar a autonomía, algo que nós xa dixemos que aceptaríamos sempre e cando así o decida o pobo saharauí en referendo, mais non pola forza.
Son vostedes optimistas?
Vendo o resultado das últimas dúas veces o que podemos dicir e que Marrocos non ten vontade de modificar a súa postura.
Que opinan da actitude do goberno español respecto ao conflito?
O Estado Español ten unha débeda histórica cos saharauís que cederon a soberanía do noso territorio a Marrocos. Porén xa se posicionou, ao igual que Francia, do lado marroquí apoiando a proposta autonómica.
A pasada fin de semana, o presidente da República Árabe Saharauí Democrática, Mohamed Abdelaziz, solicitaba a protección da ONU "ante a represión marroquí contra as poboacións saharauís"...
En maio de 2005 comezou a intifada popular do pobo saharauí. O goberno marroquí reprimiu reiteradamente todas as manifestacións pacíficas para pedir a saída de Marrocos dos territorios ocupados. Observamos ultimamente un cambio de actitude pola súa banda: dos encarceramentos indiscriminados pasouse ás malleiras e ás torturas. Son xa moitos anos de ocupación...
Terceira oportunidade para a fin do conflito marroquí-saharauí