A Policía advirte da clonación de tarxetas en Santiago, namentres que na capital do Deza, algúns técnicos do gas non son o que parecen.
En Lalín, o calote tivo que ver coa revisión do gas
Hai quen por estas datas, en troques de recibir un regalo pode 'gañar' un bo calote. De feito en Lalín medio cento de persoas xa o levaron.
En Compostela, a Policía Nacional alertou esta quinta feira da existencia de "alteracións" en caixeiros de diferentes entidades bancarias, que permiten obter datos das tarxetas de crédito e usalos para a súa "clonación".
Os caixeiros afectados adoitan ser "exteriores", é dicir, os situados fóra dos bancos ou caixas. Á entrada da tarxeta hai instalado un dispositivo que le as bandas magnéticas, e unha microcámara sobre o teclado para conseguir o número de seguridade PIN. Tamén, utilizan un mecanismo que permite coñecer cal foron as últimas teclas que se premeron.
A Policía recomendou absterse de realizar operacións e informar á entidade e ás forzas de seguridade se sospeitan que un caixeiro pode estar manipulado.
Revisión do gas en Lalín
Tamén na capital do Deza as voltas cos calotos. Neste caso, relacionado coas revisións da instalación do gas.
Segundo informa a edición comarcal do Faro de Vigo en Deza-Tabeirós-Montes, máis de medio cento de veciños de Lalín denunciaron esta cuarta feira que supostos técnicos cun uniforme similar ao de Repsol Butano presentáronse nas súas casas, ofrecéndolles colocar elementos reguladores nos sistemas de condución de gas.
Os particulares aceptaron as condicións propostas, mais posteriormente constataron que a tarifa ascendía a máis de 100 euros, o dobre do normal por un traballo deste tipo.