O presidente de Palestina pediulle á comunidade internacional "ir máis lonxe" para evitar una "catástrofe" na franxa de Gaza, controlada por Hamás.
Sarkozy e Abbás, este luns en París
O presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbás, pediulle este luns a Israel que "cumpra cos seus compromisos" e remate xa coa expansión dos seus asentamentos nos territorios palestinos, en referencia ás 127 colonias que creou desde 2001.
Ademais, solicitoulle á comunidade internacional "ir máis lonxe" para evitar unha "catástrofe" na franxa de Gaza. Os palestinos "manterémonos fieis a todos os compromisos e esperamos que os israelís fagan o mesmo", dixo o presidente palestino.
Abbás interveu na apertura da Conferencia de Doadores para un Estado Palestino que ten lugar este luns en París. A ANP agarda recadar 5.600 millóns de dólares (3.800 millóns de euros) para financiar o seu programa de reformas nos tres vindeiros anos.
Intervención de Nicolás Sarkozy
O presidente francés, Nicolás Sarkozy, apoiou o argumento de Abbás respecto dos asentamentos: "A detención inmediata da construción de asentamentos é unha prioridade absoluta".
Afirmou, ademais, que a economía palestina só se pode desenvolver se non se obstaculiza a libre circulación de persoas e mercadorías. Sarkozy dixo que tamén a Israel lle convén que a economía palestina mellore.