Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Operación Virgin'

O concelleiro de Urbanismo de Mugardos ve na trama un "xogo político contra o BNG"

A Fiscalía descarta que o alcalde de Mugardos forme parte activa do tramado, aínda que considera que hai indicios de prevaricación na súa xestión.

Redacción - 18:20 11/12/2007
Vista aérea da vila de Mugardos

Vista aérea da vila de Mugardos

O Ministerio Fiscal ve indicios de prevaricación na xestión do alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, que terá que declarar como imputado o 19 de decembro, mais considera que non foi membro activo da trama urbanística que se investiga dentro da Operación Virgin, porque doutro xeito "xa estaría detido".

En Mugardos estabeleceuse, presuntamente, unha cadea de favores entre o departamento de Urbanismo do concello e varios promotores e estudos de arquitectura privados. A vindeira semana comezarán a prestar declaración os imputados na trama urbanística que polo momento, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, son seis persoas.

Ademais, o Xulgado de Instrución Número 6 de Ferrol xa citou a declarar á funcionaria xudicial acusada de cometer un delito de revelación de segredos, xa que supostamente informou da investigación os implicados na trama. A Fiscalía non considera que esta filtración reste "capacidade probatoria", mais si cre que pode dificultar as investigacións.

Ataque ao BNG
Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo, Xosé Antón Bouza, defendeu a legalidade de todas as xestións realizadas desde que tomou posesión do seu cargo, o pasado mes xullo, ante as novas aparecidas nalgúns medios apuntando a que podería ser chamado a declarar.

Este amosou a súa "sorpresa" ante as informacións de prensa que aseguran que as escoitas telefónicas realizadas pola Garda Civil o implican en negociacións cos imputados. Neste senso, non negou as conversacións telefónicas con algún dos implicados, mais argumentou que forma parte do seu traballo diario informar aos veciños dos trámites administrativos dos seus proxectos.

Bouza manifestou a súa plena vontade a colaborar coa Xustiza para aclarar os feitos e evitar que se siga prexudicando a imaxe externa do municipio. "O mal que está a facer a Mugardos é demasiado caro", manifestou. Neste senso, sospeita que "pode haber un xogo político" para tratar de danar ao BNG: "semella que queren facer ver que participamos nestas historias que tan de moda están agora".


4,3/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: