Considera "grave e preocupante" a detención de funcionarios do concello, e pídelle "rapidez" á Xustiza.
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, cualificou de "grave e preocupante" a detención de catro persoas vinculadas co Concello de Mugardos (Ferrol) pola súa presunta implicación nunha trama urbanística, e reclamoulle á Xustiza que actúe "con rapidez e contundencia" para aclarar o sucedido.
En declaracións aos medios, Quintana recordou que os funcionarios "están ao servizo do cumprimento da lei", polo que, cando se producen acusacións deste tipo, "sempre é grave e preocupante".
Aínda que recoñeceu descoñecer máis detalles "dos que todos teñen", cualificou de "necesario" que os tribunais actúen de forma "rápida e contundente". Ademais, comentou que polo momento non se puxera en contacto co alcalde deste municipio, o tamén nacionalista Xosé Fernández Barcia.