Manuela López Besteiro, ex conselleira de Educación e deputada do PPdeG, ve agora unha presunta "politización" nos contidos dos libros de texto dos escolares do país.
Opina a deputada luguesa do PP que existe unha "estratexia" que presuntamente perseguiría "enxalzar as diferenzas entre comunidades autónomas e tratar de eliminar a xeografía e a historia comúns". Por este motivo, Manuel López Besteiro rexistrou no Parlamento unha solicitude á conselleira de Ecucación para que se explique na Cámara o que na súa opinión é a "crecente politización dos contidos dos libros de texto".
Di López Besteiro que existe unha situación creada pola "indefinición intencionada de porcentaxes mínimas do currículo" froito da Lei Orgánica da Educación aprobada polo goberno español do PSOE. Segundo Besteiro, a anterior lei promovida polo PP "fixaba contidos mínimos comúns de obrigado cumprimento" en todo o Estado. Denuncia a deputada popular que o goberno español promoveu a "deixadez" neste ámbito na procura da "aceptación dos grupos nacionalistas a cambio de intentos de manipulación da historia e da xeografía".
A denuncia do PPdeG chega ao fío das informacións publicadas nas últimas semanas polo diario madrileño El Mundo, desde onde interpretan que as editoriais "mudan os libros escolares ao gusto dos nacionalistas". Nunha información onde se aproveita para criticar especialmente á editora de libros de texto que pertence ao grupo de comunicación rival, o xornal fai a súa propia interpretación sobre cando e como se deben ensinar determinados contidos e considera por exemplo que nos textos escolares non se fala abondo da Constitución ou dos crimes da ETA. Mostra das distorsións utilizadas é a exemplificación con Galiza, onde o xornal critica que "un neno da Coruña lerá no seu manual de Lingua que en Cáceres o galego non goza de protección", malia non contextualizar nin explicarlle aos lectores a presenza da nosa lingua no Val das Ellas.