Letras 2002


Martin Sarmiento
•  Biografía
•  Axenda
•  Na web

Pola lingua que nos une
•  Concurso
•  Campaña
•  Escolma

Trebellas ou traballas
•  Por un vocabulario sexual galego



O galego no Val das Ellas
Valverdeiro, lagarteiro e mañego

1.
Delimitación xeográfica
No recanto noroccidental da actual provincia de Cáceres (Estremadura-España), nas estribacións da Serra de Gata, sitúanse tres concellos nos que aínda hoxe se falan maioritariamente tres variedades do antigo galego(-portugués). Nos concellos de Valverde do Fresno -antigamente Valverde da Serra-, As Ellas e San Martiño de Trebello a práctica totalidade dos seus cinco mil habitantes empregan a cotío as variedades lingüísticas denominadas valverdeiro, lagarteiro e mañego.

Cunha extensión territorial conxunta de 256 km, cunca natural perfectamente delimitada e afastada dos territorios de fala castelá por dificultades orográficas, forman un val que se ten chamado de Xálima, do Río Ellas ou na fala dos seus habitantes simplemente "Os tres lugaris".


2.
Orixe das falas do Val
As variantes lingüísticas proceden da lingua levada polos colonos instalados no val polo rei Afonso VIII de Galicia e León no século XIII, que repoboaron unha ampla área do ao sur de Salamanca, norte de Cáceres e a franxa oriental da Beira Baixa portuguesa. En época ben temperá a fala dos colonos foi varrida quedando restos en numerosos vocábulos rexistrados nas falas castelás da Serra de Gata e do suroeste da provincia de Salamanca, (regato, rodera, murceguiño, chambra, fechadura, gomo, bocoi, cangallo, lombo, carozo, múa, bago, meda, sobrau,...). A conservación da fala perdida no resto das zonas colonizadas explícase no abandono secular destas áreas, dificilmente accesibles ata hai escasas décadas. Estas falas son así o resultado dun galego antigo implantado neste val no século XIII que perdeu todo contacto co territorio orixinario e camiñou setecentos anos por libre.


3.
As falas como obxecto de estudio
A partir de Leite de Vasconcellos (1927 e 1933) comezan os estudios en exclusiva das falas deste val. Leite cría na lusitanidade destas falas e rexeitaba a hipótese, formulada por el mesmo, da repoboación galega para explicar a orixe, pretendendo catalogalas ao mesmo nivel do portugués exterior falado en puntos fronteirizos do estado español.

Agás Cintra e Maia, ata os anos oitenta a maioría dos autores que se ocuparon destas falas catalogáronas dentro do portugués ou, alomenos, falaron dunha "lingua ponte" ou "cruce" (sic) entre portugués e asturiano oriental. O filólogo portugués Luís Filipe Lindley Cintra (1959) deduciu que se trataba dun galego interferido por leonesismos. A idéntica conclusión chegou Clarinda de Azevedo Maia (1977) ao comparar o portugués beirão de Sabugal coas falas do val do río Ellas. Para Maia lagarteiro, valverdeiro e mañego son variantes do galego-portugués antigo máis próximas do galego ca do portugués actuais.

Os traballos dos últimos anos confirman a "galeguidade" innegable destas falas.

Estas falas representan, grosso modo, unha maqueta de moitos fenómenos dialectais, fonéticos, morfolóxicos e léxicos, esparexidos polo noso dominio lingüístico actual.

No léxico do valego é onde máis se nota o seu carácter de fala galego-portuguesa arcaica e arraiana, de illa diferente rodeada de portugués beirao e castelán aleonesado e con interferencias importantes do segundo (llaris, jeno, bodón, etc). Con todo, percíbese perfectamente a orixe galega antiga de boa parte dos nomes comúns, dándose a curiosa coincidencia que nun espacio xeograficamente tan reducido coexisten con plena vitalidade sinónimos de distribución dialectal por toda Galicia. No val recóllense as parellas de sinónimos estadunchu-funqueiru, cirdeira-cireixeira, subreira-carrasqueira, chíchari-ervilla, dinuciña-duniña, rebolu-carballu, etc, que se distribúen por Galicia en grandes áreas.

Están ben presentes tamén arcaísmos do tipo o mú, a múa, ou estoxar (aforrar), busu (burato), atró (trono), atroar, folló (filloa). Para o galego medio o máis sorprendente son os cambios de significado dalgúns significantes comúns. Indiquemos que, por exemplo, xeira pasa de "xornada de traballo" a "campo ou leira" (que se dá traballado nun día); argola pasa de aro común a "pendente da orella"; babeco pasa de "parvo, fato" a "chafalleiro, zoupón"; cacheira e cachola non son sinóminos: cacheira é unha pucha para cubri-la cachola; choqueira non é o poñedoiro senón a pubertade, lambón pasa de significar "larpeiro" para especializarse en "mangante, ladrón",...

Nos últimos trinta anos tense producido unha avalancha brutal de castelanismos na fala dos máis novos, debido sobre todo á escolarización obrigatoria (en castelán), o incremento de relacións comerciais pola mellora das comunicacións, a administración, a igrexa,... Os máis novos son descoñecedores parciais dos traballos e oficios tradicionais, do léxico da flora e da fauna, etc. A escola en castelán varre as peculiaridades lingüísticas das falas autóctonas e uniformiza pouco a pouco en castelán.


4.
Historia dunha reivindicación
No Val vénse usando a fala en carteis de festas, anuncios de diversa índole, carteis e rótulos luminosos de festas, etc, desde o máis negro franquismo. Co advenimento da democracia estes usos vanse extendendo -a golpe de iniciativas persoais- a outros ámbitos, por exemplo na rotulación dos letreiros das rúas, nomes de establecementos comerciais, etc. Anos atrás existíu unha emisora de radio, Radio Valverde, que emitía media hora diaria en valverdeiro, sobre cinco de programación case exclusivamente musical. Úsase tamén a fala en pegatinas turísticas ou en rotulación de productos gastronómicos propios (feito polo que mantiveron un duro contencioso coas autoridades autonómicas). Máis recentemente debemos falar da aparición da revista A Nosa Fala, da que só saíu un número, que pretendía se-lo voceiro da Asociación Fala i Cultura. Anos máis tarde viu a luz a revista trimestral lagarteira Anduriña, impulsada por Fala i Cultura e polo colectivo Amigus dAs Ellas i du sei castelu. Verbo da ortografía empregada para escribir nas tres modalidades, digamos que se ensaiaron múltiplas solucións, case todas elas con base no galego ou no castelán e algunha con base portuguesa.

A recuperación e dignificación da fala ten un fito senlleiro na constitución, o 3 de agosto de 1.991 en As Ellas da Asociación Fala i Cultura do Val do Ríu Ellas, entidade que promove a recuperación e normalización absoluta da lingua nos tres concellos do Val. É significativo tamén que nos seus estatutos fundacionais suprimisen o termo galego-portugués e o sustituísen por galego de Estremadura. Fala i Cultura asumiu como tarefa inmediata a recollida de léxico patrimonial dos tres lugares, a elaboración dunha pequena gramática e unha normativa bastante elástica, a recuperación toponímica, a introducción da fala nas escolas, a posta en funcionamento dunha emisora de radio, a fundación de bibliotecas sobre temas galegos e do Val e a celebración do "Día da Fala" Todo isto vai indo adiante sen ningún apoio institucional máis que o chamado "Manifesto dos Alcaldes" (3 de agosto de 1993), un manifesto asinado polos alcaldes dos tres concellos nos que demandaban das autoridades medidas inmediatas para a conservación da fala.

Saben falar nalgunha das variedades o 100% dos residentes nas Ellas e San Martiño e o 97% dos residentes en Valverde, o 3% restante corresponde a mestres, funcionarios, policía, etc, de orixe foránea. O 80% dos valegos aprendeu o castelán no medio escolar, e o 20% restante aprendeuno na emigración ou no servicio militar.

O 100% di entender perfectamente o galego (contan anécdotas de cando coinciden con galegos na emigración ou no servicio militar e se fan pasar por galegos sen problema ningún). Ó 90-95% gustaríalle ter medios audiovisuais e escritos na fala "pa adeprendela a escribir e a falar ben". Un 84% querería que a fala se estudiase na escola, e mesmo estaría disposto a asistir a cursos para aprender a escribir na fala. Case todo o mundo usa a fala en función familiar e social, sobre todo nas Ellas e San Martiño.

O Estatuto de Extemadura dá por suposto o monolingüismo da súa Comunidade Autónoma e non inclúe ningún artigo nin apartado no que se mencione o apoio institucional ou legal ás variedades non castelás que se falan en Extremadura (portugués en Olivença e Ferreira de Alcántara, "galego" no Val do Ellas), entre outras cousas porque non as recoñecen.


Resumo do artigo de
Xosé Henrique Costas González



VieirosLetras 2002
 


O galego exterior
Quen é quen no Val das Ellas
Como vive o galego no Eo-Navia
Como vive o galego no Bierzo
Como vive o galego nas Portelas




Vieiros Val das Ellas