Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reacción sindical logo do accidente laboral de Maside

A "presión" polos prazos do AVE causa en tres meses cinco sinistros graves

A UXT lembra que os casos comezaron a raíz da última visita da ministra de Fomento, que "volveu insistir na data de conexión con Madrid", prevista para 2012.

Redacción - 18:10 26/11/2007
Os sindicatos denunciaron en numerosas ocasións o incremento da sinistraliedade nas obras do AVE / Foto: CIG

Os sindicatos denunciaron en numerosas ocasións o incremento da sinistraliedade nas obras do AVE / Foto: CIG

Os sindicatos UXT, CCOO e CIG consideran que as "presas" e a "presión" por cumprir cos prazos para a chegada do AVE a Galiza son as causantes dos cinco accidentes laborais rexistrados dende setembro, o último este luns en Maside.

"O único que queren é inaugurar canto antes", reprobou o responsábel en Ourense da Federación da Construción e da Madeira de CCOO, Antonio Jácome, quen advertiu de que, "dende as oficinas o máis doado é poñer datas para cortar as cintas".

O seu homólogo na UXT, Manuel Golpe, lembrou que os accidentes comezáronse a producir a raíz da última visita da ministra española de Fomento, Magdalena Álvarez, quen, xunto ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, "volveu insistir na data de conexión do AVE con Madrid", prevista para 2012.

Pola súa banda, o secretario comarcal en Ourense da CIG, Etelvino Blanco, asegurou que, debido a este "interese político" en "axilizar" as obras incrementouse o ritmo de traballo, con xornadas "superiores" ás estabelecidas e os operarios están a "traballar a reo".

Inspección deficiente

A CIG denunciou que se está a facer "a vista gorda" no cumprimento da normativa de prevención e saúde laboral, polo que este martes manterá unha xuntanza na delegación da Consellería de Traballo de Ourense, para demandar un "control especial" neste tipo de obras.

Neste senso, Golpe admitiu que "xa non lle valen as palabras", despois de que tras dous accidentes nestas obras, mantivesen unha reunión coa directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela e co xefe de Inspección onde se acordara un incremento destas medidas.

En total dúas persoas morreron e outras oito resultaron feridas nos últimos tres meses.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: