"Medio rural galego. Unha ollada ao futuro da educación no medio rural" é o título das xornadas organizadas pola asociación de renovación pedagóxica.
Terán lugar os días 16 e 17 de novembro de 2007, no edificio dos Sindicatos de Chantada, e nelas abordaranse cuestións como a formación inicial e permanente do profesorado, a presentación para o debate de proxectos de escola rural desenvolvidos noutros lugares do Estado, ou o contacto con experiencias educativas singulares.
Conclusións do I encontro
Nova Escola Galega segue así a liña das conclusións aprobadas no I Debate, que tivo lugar en outubro do ano pasado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Compostela: darlle pulo ás accións do goberno sobre o medio rural, tanto as actuais como de cara ao futuro, e tamén ás propostas dos colectivos e organizacións comprometidos coa defensa da educación no rural.
Entre as conclusións tiradas, destacan a demanda dunha política integral sobre medio rural que lle dea prioridade a esta materia por parte do goberno; a busca do apoio das consellarías e das universidades para afondar na investigación, por medio de estudos de diverso carácter (socioeconómico, antropolóxico, educativo, etc); a necesidade de concienciación e de especial sensibilización para o ámbito escolar no medio rural, para se desenvolver dende parámetros propios e non dende a mímese co modelo urbano.
O recoñecemento dos dereitos laborais do profesorado que traballa no rural e a dotación de material son dúas medidas urxentes. Tamén salientan a necesidade dunha reformulación curricular, e para todo isto, o estabelecemento de canles de comunicación entre as consellarías e os colectivos. Tamén se fala da necesidade de ampliar as miraxes de disciplinas universitarias como o maxisterio, educación social, pedagoxía, psicopedagoxía, etc.
Obxectivos para este ano
Nesta ocasión, dedicaranse varios espazos á presentación de experiencias educativas ou investigacións sobre distintos aspectos relacionados co medio rural. O programa quere pór en valor o traballo dos profesionais, colectivos e entidades que loitan pola mellora da educación no rural.
A deterioración das condicións de vida que afectan ao medio rural e a aplicación de políticas marcadas por unha orientación economicista corren o risco de facérense crónicas, segundo Nova Escola Galega. no camiño cara á sustentabilidade do rural, "dende o ámbito educativo é urxente rachar coa política de "racionalización administrativa" que se traduce invariábelmente no aforro e a negación de recursos, afogando as potencialidades culturais e educativas que nun medio como o rural poden desenvolver os centros de ensino".
Os obxectivos deste segundo encontro son, xa que logo, analizar a situación actual do medio rural, das súas oportunidades e ameazas, o papel que desempeña a educación na mesma, reflexionar as propostas de intervención, coñecer as liñas de acción política e finalmente elaborar un documento que diagnostique a situación e achegue alternativas para lle presentar ao Parlamento.