Tratar os problemas da educación no medio rural "desde unha perspectiva global" e ofrecerlle vías de solución "á marxinación educativa que aínda nos nosos días padece o alumnado do medio rural", son desafíos do encontro convocado por Nova Escola Galega. O lema das xornadas, que teñen lugar no Museo Pedagóxico de Galiza o 27 e 28 de outubro: "Medio rural galego, a necesidade dunha resposta educativa".
O encontro celébrase no Museo Pedagóxico de Galiza, Mupega.
Na primeira xornada, este venres 27, intervirá o antropólogo Xerardo Pereiro Pérez, do Departamento de Antropoloxía Aplicada da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, que falará baixo o título "A cultura rural: Entre a tradición e a modernidade". Deseguido, Santiago Prado Conde, do Departament d'Antropologia Social da Universitat Autónoma de Barcelona, dará a conferencia titulada "Poboacións non pertinentes nas institucións educativas: O alumnado con procedencia rural nun instituto galego". No peche do día, vaise presentar o libro A educación no rural en Galiza, coordinado pola Mesa Galega de Educación no Rural, de Nova Escola Galega.
Na segunda xornada asistirán representantes de até nove organizacións sindicais e colectivos e asociacións con presenza no rural, para explicar as súas propostas e visións sobre a situación. Ademais, preséntanse varias comunicacións vencelladas á educación e o mundo rural, por parte entre outros da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias e Televinte de Chantada. Ademais, haberá unha rolda sobre o labor do goberno galego diante deses retos, onde estarán Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade, Gonzalo Flores, director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, e Xosé Manuel Mouriz, subdirector xeral de centros da consellaría de Educación.