Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR UN ATENTADO CONTRA UN CAIXEIRO

A fiscalía pide unha condena “exemplarizante” para Ugio e Giana

A acusación pública da Audiencia Nacional quérelles aplicar aos presos independentistas penas de entre 18 e 21 anos de cadea, un castigo que Ceivar cualifica de desproporcionado.

Redacción - 12:30 31/10/2007
Ugio Caamanho e Giana Gomes

Ugio Caamanho e Giana Gomes

A fiscalía da Audiencia Nacional solicitou unha condena de 18 e 21 anos de cárcere para os militantes independentistas Giana Gomes e Ugio Caamanho, respectivamente. Segundo o organismo popular antirrepresivo Ceivar, a condena é desproporcionada e responde á intención da audiencia de impoñer un castigo “exemplarizante”.

A petición baséase nos presuntos delitos de estragos terroristas (15 anos) e utilización dun vehículo roubado (3 anos), que no caso de Ugio se incrementan noutros tres anos de cadea máis por utilización de documentación falsa. Segundo explicou Joam Peres, a Audiencia Nacional de España pretende “exemplarizar, como lle corresponde a un tribunal que está ás ordes do executivo”.

Para Peres, a intención é de “sobrecargar cunha pena desmedida”, porque se trata “de exemplarizar contra o independentismo”, como está a acontecer tamén en Euskadi. Aínda que a condena final se pode ver alterada no decurso do proceso xudicial, as reformas penais vixentes obrigan a cumprir a pena integramente.

O procesamento de Ugio Caamanho e Giana Gomes vén dado pola explosión provocada na oficina central de Caixa Galicia en Compostela o 23 de xullo de 2005. A Xustiza española acusa os dous militantes de seren autores da colocación dun artefacto explosivo que causou danos materiais na sede financeira. Aínda non hai data para o xuízo, mais todo parece indicar que se producirá dentro de escasos meses.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: