O Karpin Galicia recibiu un convite para asistir á presentación do Tour de Francia o próximo día 25 de outubro en París. Aló irá o presidente do KGZ, Valery Karpin e unha delegación de Cultura e Deporte.
Para Álvaro Pino a invitación á presentación da edición 2008 do Tour non leva asociada a de poder participar na carreira, pero si constitúe "un recoñecemento internacional ao traballo que realizou o equipo no seu primeiro ano de existencia".
O director deportivo do KGZ aínda que non ve moi fácil que poida chegar un convite para disputar a rolda francesa no 2008, mais si pensa que o equipo está preparado para asumir o reto: "non poderiamos rexeitar unha invitación para correr o Tour. Falamos da carreira máis importante do mundo. Nese caso faríanos falta ampliar o persoal a vinte e un corredores", comentou ao coñecer a noticia, calculando as esixencias do reto.
As novas incorporacións e as baixas do KGZ
O Karpin Galicia facilitou o pasado día 5 de outubro unha relación de 2 altas e 5 baixas no cadro de ciclistas para a tempada 2008, polo que aínda se agarda algunha incorporación máis: "confiamos en ter pechado o equipo na primeira quincena de novembro, e vai estar composto por 18 ou 19 ciclistas", dixo Pino.
O director deportivo do Karpin tamén dixo contar coa participación de novo na Vuelta a España, e comentou, "no caso de que fósemos admitidos nunha grande máis, sexa Tour ou Giro, entón teriamos que chegar ata os 21 corredores".