Estas foron as palabras de Ánxela Bugallo ao recibir o equipo profesional galego o día despois de chegar de Madrid, de participar nunha proba na que foron o equipo revelación.
"A nosa aposta polo ciclismo era unha obriga, pero recibimos moito máis do que vos damos. Estades por riba de todos os que vos apoiamos", díxolles a conselleira aos ciclistas do KGZ, que esta mañá se reunían con ela e coa directora xeral para o Deporte no Estadio de San Lázaro en Compostela.
Todo o equipo profesional galego asistiu á recepción ofrecida pola Consellaría de Cultura e Deporte, na que foron felicitados polo seu éxito na Vuelta, ao tempo que lle facían entrega a Bugallo dun dos maillós da montaña que conseguiu na rolda española Serafín Martínez.
"Cada vez quereremos máis, así que na próxima participación agardaremos o mellor de vós"
"Ninguén podería ter pensado nunha estrea tan brillante coma a que tivo o Karpin Galicia na Vuelta; por iso, porque superastes todas as nosas expectativas, e porque sodes un exemplo para o deporte galego, moitas grazas", foron as palabras da conselleira Ánxela Bugallo a todo o equipo profesional galego, que continuou: "a nosa aposta polo ciclismo era unha obriga, pero recibimos moito máis do que vos demos. Estades por riba de todos os que vos apoiamos", dixo.
Os membros do KGZ estiveron acompañados polo seu director, Álvaro Pino, e máis polo presidente da Fundación Ciclismo Galego, Valery Karpin, quen manifestou a súa certeza de que o exitoso futuro do Karpin Galicia non fixo máis que comezar.
No acto estivo tamén o presidente da Federación Galega, Sabino Cortizo, quen destacou que "o tirón do Karpin Galicia notouse xa no importante incremento do número de licenzas de ciclismo, algo que a nivel deportivo para Galiza é obxectivo fundamental". A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, acompañou á conselleira, quen recibiu de mans de Serafín Martínez un mailló dos acadados polo ciclista durante a rolda.
"Todo o equipo quere agradecer á conselleira a aposta que fixo por este deporte, e a oportunidade que nos dá aos ciclistas galegos"
Isto foi o que Serafín Martínez dixo, ao tempo que lle entregaba, en nome do equipo, unha das camisolas de líder da montaña que conseguiu durante a Vuelta.