Sentenza de cadea perpetua para Christian von Wernich. Mentres, a Igrexa arxentina expresou o seu pesar polos "gravísimos delitos" nos que participou o ex capelán.
"Nunca vin nada que puidese considerar ilícito", declarara hai anos Christian von Wernich nunha entrevista. Do relato das testemuñas estes días quedou claro, segundo subliña a acusación, que o labor do crego foi máis aló dunha simple función pastoral, probándose que tivo unha participación activa na acción policial e nos interrogatorios.
Von Wernich foi condenado por iso a cadea perpetua, atribuíndoselle especificamente a súa implicación en 42 secuestros, 32 casos de tortura e 7 asasinatos, durante o xenocicio producido en Arxentina entre 1976 e 1983.
Tímida declaración da Igrexa
Había expectación tamén polo pronunciamento público desde as autoridades eclesiásticas. Representantes de colectivos como o das nais da Praza de Maio, desafiaran á Igrexa do país a expresar a súa posición fronte ao caso Wernich como exemplo dunha declaración sobre a que os bispos sempre rexeitaron realizar.
Así, finalmente o episcopado decidiu facer un comunicado público, por boca do cardenal Jorge Bergoglio, onde en nome do conxunto da Igrexa arxentina expresan a súa "conmoción" pola participación dun crego en "delitos gravísimo". "Cremos que os pasos que a xustiza dá no esclarecemento destes feitos deber servir para anovar os esforzos dos cidadáns no camiño da reconciliación e son á vez un chamamento a afastármonos tanto da impunidade coma do odio e o rancor", recolle o texto do pronunciamento.
Recomendámoslles ampliar en Página12 e Clarín.