Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
A RELIXIÓN NA DITADURA ARXENTINA

"A Igrexa non matou, pero tampouco salvou"

Un crego declarou no xuízo contra o ex capelán Von Wernich. Dixo que "a xerarquía eclesiástica foi cómplice e non cumpriu coa súa misión".

Débora Campos - 09:15 12/09/2007

O sacerdote arxentino Rubén Capitanio asegurou esta semana, ao declarar no xuízo ao ex capelán Christian Von Wernich, que "co seu silencio, a xerarquía da Igrexa foi cómplice e non cumpriu coa súa misión pastoral de denunciar a situación de ilegalidade que se vivía" durante a represión exercida pola ditadura nese país austral. Por iso, ademais, pediu perdón.

Para Capitanio nesa época "a Igrexa non matou, pero non salvou" ás vítimas de delitos de lesa humanidade e considerou que "por non salvar é responsable desas vidas".

Ao final da súa declaración agradeceu ao Tribunal porque considerou que este xuízo "é un servizo á Igrexa porque nos axuda a buscar a verdade" e pediu perdón "aos familiares de todas as vítimas por non ser a Igrexa que debemos ser".

Incomprensible e incoherente

Ademais, díxolle aos xuíces que a actitude e prédica que desenvolveu Von Wernich nos centros clandestinos de detención visitando detidos e xustificando a tortura fora "incomprensible e incoherente" porque desvirtuara a misión primordial dun capelán.

Para explicar dende o punto de vista adoutrinador a condena que merecen os feitos imputados a Von Wernich, remitiuse "ao ensino elemental do catecismo da Igrexa católica que prohibe totalmente a tortura en ningún caso e baixo ningunha xustificación".

"Eu non se cales son as xustificacións de Von Wernich para facer o que fixo, pero hai un principio moral da Igrexa que di que o fin non xustifica os medios, entón nunca para lograr un fin se xustifica un medio malo, indigno ou ignorante", salientou, segundo a axencia pública de noticias Telam.

Durante a penúltima audiencia no xuízo que se realiza no Tribunal Oral Federal 1, Capitanio afirmou que "a Igrexa, escandalosa e pecaminosamente, foi próxima á ditadura porque non cumpriu co deber de servizo á vida".

Conduta dolorosa


"Tivo a Igrexa durante a ditadura unha conduta dolorosa e ata que non recoñezamos este comportamento seremos unha Igrexa infiel", sentenciou o sacerdote durante a súa declaración ao Tribunal.

"A Igrexa foi unha nai que non buscou aos seus fillos e chegou a prohibir en moitos casos a reunión de familiares de desaparecidos nos templos", recordou o sacerdote, que se desempeña como párroco na localidade de Centenario, da provincia de Neuquén, ao sur do país.

Antes de marchar da sala de audiencias, Capitanio agradeceu "porque se cadra algún vai pensar que este xuízo é un ataque á Igrexa e eu quero dicir que é un servizo á Igrexa".

"Quixera pedirlles ás vítimas, e nos familiares a todas as vítimas, perdón como Igrexa; tamén ás nais, a todos os meus irmáns e a todo o noso pobo que nos perdoen por non ser aínda a Igrexa que debemos ser, preto dos crucificados e non dos crucificadores", expresou.

Capitanio contoulle ao tribunal que en 1970 foi compañeiro de seminario na cidade de La Plata de Von Wernich pero que non tivo relación con el. E que en 1976, xa ordenado sacerdote, tivo que abandonar esta cidade porque era perseguido polos represores e refuxiouse na provincia de Neuquén, grazas á axuda do bispo Jaime de Nevares.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As Nais da Praza de Maio e outros familiares das vítimas seguen todas as audiencias do xuizo contra o ex capelán Christian Von Wernich
As Nais da Praza de Maio e outros familiares das vítimas seguen todas as audiencias do xuizo contra o ex capelán Christian Von Wernich
O crego Rubén Capitanio foi compañeiro de seminario de Von Wernich, e despois perseguido polos represores.
O crego Rubén Capitanio foi compañeiro de seminario de Von Wernich, e despois perseguido polos represores.