A fiscalía do estado demanda algo máis de un ano de prisión para Jaume Roura e Enric Stern, os dous mozos acusados de queimar fotografías do rei español. Comeza ao tempo o xuízo ao mozo que izou unha bandeira republicana en Madrid.
O fiscal da Audiencia Nacional española Ignacio Gordillo solicitou na terza feira unha pena de 1 ano e 3 meses para os dous mozos independentistas, acusados de queimar as imaxes do rei español, Jaume Roura e Enric Stern, o pasado 13 de setembro durante unha protesta en Girona.
Os dous mozos xa recoñeceron seren os autores dos feitos cando declararon perante o xuíz Santiago Pedraz, mais agora enfróntanse a unha acusación de inxurias á coroa, co agravante de iren disfrazados (levaban pasamontañas postos namentres queimaban as imaxes).
Por outro lado tamén está previsto que declaren nos próximos días na Audiencia Nacional outras nove persoas acusadas de queimaren fotografías do rei de España noutra manifestación que se desenvolveu en Girona o 22 de setembro.
"Eu tamén queimei a coroa española!"
Os acusados consideran que a queima de fotografías é un acto de liberdade de expresión e conseguiron nestes días o apoio de máis de 3700 persoas e 300 asociacións na web que abriron para que asine ou se autoinculpe quen o desexe.
De todos os xeitos, desde que se queimaron as primeiras imaxes, xa se teñen queimado unhas poucas máis, en varios actos de protesta organizados por movementos sociais e independentistas, en protesta pola decisión da Audiencia española.
Antimonárquicos, tamén en Madrid
A vindeira quinta feira tamén comeza o xuízo a un mozo por izar unha bandeira republicana nun edificio madrileño. O 14 de maio do ano pasado, durante o desenvolvemento dunha manifestación do colectivo "Reclama as rúas" por unha vivenda digna e contra a precariedade laboral, ao pasar fronte á sede dos xulgados centrais do Contencioso Administrativo na Gran Vía madrileña, Jaume d'Urgell decidiu rubir pola fachada do edificio e descolgar a bandeira española para erguer no seu sitio a bandeira tricolor republicana.
Agora o mozo enfróntase a un ano de cárcere, a petición fiscal, e inhabilitación especial para sufraxio pasivo, isto é, que non se pode presentar ás eleccións. Ademais ha de pagar, se así o di a sentenza, uns 5.000 euros de multa e outros 40 que é o que din que custaba a bandeira "rojigualda" que substituíu pola republicana. Despois tamén están os algo máis de 3.000 euros en concepto de honorarios, que lle ha de pagar aos seus avogados.