Os preto de 200 mineiros das empresas auxiliares de Meirama decidiron este sábado en asemblea ir á folga dende o 15 de outubro. Á xuntanza acudiron representantes dos sindicatos CIG, CC OO e UGT, que afirmaron que apoiarían a decisión dos traballadores.
A convocatoria de paro formalizarase a comezos da vindeira semana. O presidente do comité da auxiliar Masa Galicia, Alejandro Barreiro, explicou que aos operarios non lles quedou máis remedio que acudiren á folga ante a inexistencia dun acordo que garanta o seu futuro laboral. A conca pechará o 31 de decembro.
Porén, os traballadores están dispostos a desconvocar a folga se antes do 15 de outubro se acada un acordo que lles garanta recolocacións ou prexubilacións.