Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Represión das protestas

Preto dun milleiro de detidos en Birmania nunha nova ofensiva da Xunta Militar

A forza opositora ao réxime, a Liga Nacional para a Democracia, afirma que unha persoa morreu e outras sete resultaron feridas. China veta na ONU a imposición de sancións.

Redacción - 10:09 27/09/2007

Preto dun milleiro de persoas -a maior parte monxes budistas- foron detidas en Birmania na mañá desta quinta feira (madrugada en Galiza) polo exército e a policía, nunha nova tentativa da Xunta Militar que goberna o país por abortar as protestas da poboación contra esta.

Segundo fontes da Liga Nacional para a Democracia (LND), principal forza opositora que dirixe Aung San Suu Kyi -premio Nobel da Paz en 1991 e que esta cuarta feira foi trasladada á prisión de Insein, tras permanecer baixo arresto domiciliario desde 2003-, polo menos unha persoa morreu e outras sete resultaron feridas de bala nos asaltos, aínda que outros grupos disidentes falan de cinco mortos.

Reunión do Consello de Seguridade

O temor a que se desate en Birmania unha onda represiva, como a que acabou coa vida de tres mil estudantes en 1988, provocou unha reunión urxente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a petición do primeiro ministro británico, que esixiu a aprobación de novas sancións contra a Xunta Militar birmana.

China ameazou co seu dereito a veto -privilexio que comparten cos Estados Unidos, Rusia, Francia e o Reino Unido- para impedir que a ONU emitise unha nota de condena. "A situación interna de Birmania aínda non representa unha ameaza para a paz e a seguridade internacional", afirmou o embaixador de China ante a ONU, Guangya Wang, para xustificar a súa decisión.

Para evitar que China cumprise a súa ameaza, os 15 membros do Consello de Seguridade rebaixaron as súas pretensións e acabaron emitindo unha nota onde se limitan a pedir "contención" á Xunta Militar birmana na súa represión aos birmanos. Tamén se lle insta ao réxime militar a que permita a entrada no país ao enviado especial da ONU, Ibrahim Gabari.

  • Máis información:
Blog ko htike's prosaic collection, dun disidente birmano no país, con fotos e vídeos das cargas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: