UE, ONU, EUA e Rusia, contrarios aos cortes no subministro eléctrico e de combustíbel na zona palestina controlada por Hamás. Por outra banda, Israel aproba a prometida liberación de 90 prisioneiros de Al Fatah.
Abu Mazen e Ehud Olmert, o pasado 10 de setembro
O pau e a cenoria. A táctica de Israel e de Estados Unidos de acurralar aos islamitas de Hamás, mediante o estrangulamento económico de Gaza -co visto bo dos nacionalistas de Al Fatah, foi rexeitada, paradoxalmente, polo Cuarteto para Oriente Próximo, do que tamén forma parte -xunto coa UE, a ONU e Rusia- EUA.
"Estamos intensificando a axuda ao pobo palestino, e esa axuda debe chegar sen obstrución, porque hai xente inocente que non debe sufrir", sinalou a xefa da diplomacia estadounidense, Condoleezza Rice, tras a xuntanza este domingo do grupo mediador en Nova York.
Facía referencia así á medida adoptada a pasada cuarta feira polo goberno de Ehud Olmert de declarar "entidade inimiga" á Franxa de Gaza e aprobar cortes no subministro da luz e do combustíbel.
Ao respecto, o subsecretario xeral para Asuntos Políticos da ONU, Lynn Pascoe, declarou: "Aínda que entendemos completamente o problema de seguridade de Israel, de levárense a cabo os pasos anunciados violaríanse as obrigacións de Israel cara á poboación civil baixo o dereito internacional humanitario e as leis de dereitos humanos".
A Liga Árabe tamén condenou a medida israelí: "Gaza é unha terra árabe ocupada, polo tanto é responsabilidade de Israel a seguridade deses territorios de acordo coas convencións de Xenebra e coas leis humanitarias".
Liberación de prisioneiros
Por outra banda, o Consello de Ministros de Israel decidiu deixar en liberdade a 90 prisioneiros palestinos, nun xesto de "boa vontade" cara ao presidente Abú Mazen e nun intento por apoialo na súa loita contra Hamás polo poder na Franxa de Gaza.
A liberación dos prisioneiros, na súa maioría do movemento nacionalista Al Fatah, e algúns da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), foi prometida por Olmert ao presidente Abbas nunha reunión o pasado día 10 en Xerusalén, aínda que daquelas fora aprobada unha lista de cen.