As actuacións das bandas do país que participan na feira internacional de música
Popkomm, en Berlín, da man do
IGAEM da
Consellaría de Cultura, fixeron vibrar o público do festival. O mércores tocaron en directo Faltriqueira, Berrogüetto e Lamatumbá, mentres que o xoves foi a quenda de
Deluxe e o venres a de Catpeople.
O pop do grupo coruñés liderado por Xoel López foi un dos máis aplaudidos na capital alemá a quinta feira, na gala central do evento onde participaron os grupos
indies máis de moda do momento en todo o mundo. Deluxe converteuse na revelación da noite, xunto cos dinamarqueses Dúné.
Tanto a consellaría e o IGAEM como as empresas que participaron valoraron moi positivamente a participación en Berlin, pola difusión da marca
Galician Tunes e mais pola presenza artística. Ademais, foi unha boa ocasión para estabelecer novas oportunidades de negocio.
Tamén en Berlín, a conselleira Ánxela Bugallo participou na presentación da
plataforma Sounds from Spain. Os músicos expresaron o seu desexo de que se organice unha feira de produtos culturais en Galiza e reclamáronlle ao Ministerio de Cultura un acordo, dado que lles está a resultar máis doado entrar en Europa ca en España.
A segunda cita da música galega no exterior será na
Womex, que se vai desenvolver en Sevilla do 24 ao 28 de outubro. Trátase da feira internacional máis importante de
world music. O noso país estará representado polo grupo Marful, que actuará o 26 de outono.