O próximo 26 de marzo verá a luz o cuarto traballo de Deluxe, Fin de un viaje infinito. Xa o 26 deste mes sairá á venda o single Colillas no chan, creado en Bos Aires, no chamado Laboratorio Ñ, montado pola SXAE. E, ademais, o artista irá sacando un tema ao mes na rede dende abril, até o ano que vén. Xa podemos escoitar varios temas no seu My Space, e ver o vídeo de 'Colillas':
O novo traballo de Deluxe recolle doce temas en castelán co seu tradicional estilo pop. Introduce novidades como instrumentación de vento en 'Tendremos que esperar' e 'Rostro de actriz'. O músico coruñés Xoel López editou os seus tres primeiros discos no selo independente Mushroom Pillow, e agora traballa coa filial da EMI, Virgin. Xoel está ben acompañado neste disco: conta coa colaboración de Julián López, do programa televisivo 'A Hora Chanante' , Pablo Novoa, Sara, de Rubia, Leyva, de Pereza, Iván González, ex membro de La Ruta, Miguel, de Maga, e Alejandro Pelayo, de Marlango. Tamén o baixista Jacob Reguilón (Quique González), o pianista César e o saxofonista Tuli (Lle Punk), o baterista Loza (Sex Museum, Los Coronas), e Juan de Dios con varios instrumentos (entre eles o banjo) colaboraron na realización de Un viaje infinito.