Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Unha galega e a outra española

As asociacións da Garda Civil UGC e UFGCS, de lea pola lingua

Os segundos acusan de "traidores" aos dirixentes da primeira por saíren en defensa do galego, e aseguran que "é o castelán a única lingua que os españois deben coñecer".

Redacción - 09:30 18/08/2007

A Unión de Gardas Civís (UGC-Galicia, de ámbito galego) e a Unión Federal de Gardas Civís (UFGCS, de ámbito español) están inmersos nun cruce de declaracións, despois de que hai unha semana o BNG presentase unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados de Madrid pedíndolle ao goberno español que as denuncias da Garda Civil fosen redactadas en todas as linguas cooficiais do Estado.

A UFGC anunciou que faría "campañas de desobediencia" se lles obrigaban a usar o galego. Posteriormente, a Asociación Independente da Garda Civil (ASIGC) considerou "axustada á Constitución", a petición do BNG, mais solicitou formación para os axentes.

Os últimos en intervir, a UGC, publicaron un comunicado o pasado 13 de agosto, titulado A Nosa Lingua, onde saían en defensa do galego, e advertían de que "a Garda Civil debe extremar as precaucións para evitar que no seu seo ingresen persoas que non teñen acomodo na democracia", en clara referencia aos membros da UFGCS, e recomendáballes que abandonasen "a súa belixerancia reaccionaria" e "as súas ideas fascistas".

"Monicreques do BNG"
Non tardou moito en replicarlles a UFGCS, que esta mesma semana aseguraba que "é o castelán a única lingua que todos os españois teñen o deber de coñecer e o dereito a usar". Ademais, cualificaban aos dirixentes da UGC de "traidores do uniforme que portan", de ser "meros monicreques do BNG" e de "non se dar de conta de que entrar na Garda Civil require ter clara a idea de España e da súa unidade territorial".

"Non lle imos tolerar a ninguén que nos chame fascistas por discreparmos ou por mantermos unha posición, totalmente lexítima, distinta aos postulados nacionalistas", salientaban.

Último comunicado da UGC-Galicia

Este venres, ás 13.10 horas, a UGC volvía responder con outro comunicado, "ante o problema que ten a UFGCS co uso do galego por parte dos galegos, gardas civís ou non", desta volta "exclusivamente en castelán, para evitar máis friccións coa UFGCs que no entende nin quere entender a nosa lingua".

"Unha lingua -continúa o comunicado- que xa se falaba cando a opción do resto era o latín (ou o árabe)", e sinala que "non serían os primeiros en querer unha lingua única; xa o pretenderon no século XX, mais non o conseguiron grazas aos nosos avós".

"Comprendemos que a cultura reaccionaria botara raíces profundamente nalgúns. Teremos que, entre todos, reeducalos. Algún día o agradecerán. Aumentará a súa autoestima e calidade como membros dunha comunidade democrática baseada na tolerancia e no respecto", afirman.

Non dar publicidade aos que humillan aos galegos
Por último sinalan que non realizarán "máis declaracións públicas (aos medios de comunicación) a este respecto", para que "os intolerantes non conten coa colaboración de UGC-Galicia, para recibir unha inmerecida publicidade, aqueles que pretenden humillar aos galegos. Non daremos facilidades a quen pretende enfrontar en Galiza galegos contra galegos (neste caso, gardas civís contra o resto de cidadáns de Galiza)"

E apostan por "practicar até o final a famosa proposta do Doutor Guevara: Galiza, Terra Universal, terra de todos, mais non humillábel na nosa presencia". "Máis de dous milenios sen que este territorio cambiara de nome, 22 séculos de Galiza, de historia, e cren que agora nos poden prohibir elixir falar o castelán ou o galego?", cuestiónanse.


4,92/5 (25 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: