A Unión Federal de Guardias Civiles afirma ser a terceira en número de socios en Galiza e carga contra a Mesa pola Normalización Lingüística.
"Afortunadamente a maioría si que defenden a normalización lingüística, aínda que reclaman unha maior formación para poder usar o galego con corrección e fluidez, algo que ten que garantir a Xunta de Galiza", expresaba este luns o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Segundo Carlos Callón, o colectivo agarda que "os superiores non toleren nin desobediencias nin chamamentos á desobediencia, porque é insostíbel nun estado democrático e de dereito que un garda civil incumpra a lei".
En resposta, a Unión Federal de Guardias Civiles cualificou a Mesa de asociación "dominada por nacionalistas" que "intenta marxinar o castelán". Por outro lado, a UFGCS teima na suposta representatividade dos seus comunicados asegurando que é a terceira en número de socios no país. Aseguran que se ben non se oporán estritamente ao uso do galego nos trámites "ninguén nos imporá a utilización deste idioma xa que temos o castelán como lingua oficial".
Mentres, oficialmente, desde a Garda Civil reiteran que un alto número de axentes fan cursos de galego e defenden que colaboran desde hai anos coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para "facilitarlle aos axentes a realización de cursos de lingua galega".