Moitos dos cursos fanse on line, e o corpo de seguridade español asegura que nun futuro todos os gardas, estean onde estean, poderán aprender todas as linguas do Estado.
Segundo aseguraron fontes do Instituto Armado, a Garda Civil en Galiza colabora dende hai anos coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para facilitar a realización de cursos de galego entre os seus membros. Tamén din que até hoxe, "numerosos axentes" fixeron cursos de formación e de perfeccionamento do galego, superior ou administrativo.
A polémica xurdía esta semana, cando a Unión Federal de Gardas Civís ameazaba con facer "campañas de desobediencia" se os obrigaban a empregar o galego, escudándose na "imposibilidade" que lle ben ao feito de que todos os membros do corpo coñezan todas as linguas do Estado. A UFGCS respondía así, ao seu xeito, a unha iniciativa parlamentaria promovida no Congreso por Francisco Rodríguez, deputado do BNG, quen lle pedira ao goberno español que as denuncias da Garda Civil fosen redactadas en todas as linguas cooficiais do Estado.
Unha parte do colectivo non chegará á "desobediencia"
Mais hoxe outro colectivo da Garda Civil dixo estar a traballar coa Xunta para que "aproveitando ao máximo as posibilidades que actualmente ofrece a tecnoloxía dixital do Instituto Armado, todos os gardas civís de calquera emprego ou unidade de destino poidan coñecer e ampliar os seus coñecementos" de galego.
Tamén dixeron que no que agora están a traballar é en salvar as dificultades informáticas, que atrasan os cursos de galego on line. Pasados estes atrancos, aseguran que lles van permitir "a todos os seus axentes" -independentemente de onde se atopen- a realizar estes cursos, tendo só que desprazarse fisicamente para facer o exame final, esixido en cada titulación.
Con isto, os membros do corpo de seguridade español pensan chegar, nas súas propias palabras, a unha "mellora na calidade do servizo e atención ao cidadán en Galiza".