Rutu Modan e Etienne Davodeau falarán co público e seis autores asinarán exemplares das súas obras no Kiosco Alfonso.
O salón internacional de banda deseñada Viñetas dende o Atlántico entra na súa recta final. A tarde do venres alternaranse presentacións de libros e charlas de dous autores estranxeiros. Ángel de la Calle abrirá os actos ás seis e cuarto dando a coñecer no Kiosco Alfonso Corto Maltés, un profundo estudo sobre o personaxe de Hugo Pratt.
Pouco despois das sete e media, Carlos Portela e Sergi Sanjulián presentarán a novela gráfica A conta atrás, ambientada no desastre do Prestige. Tamén se fará público na Coruña o primeiro número da revista BD Banda e, quizais, algún adianto do segundo.
A banda deseñada internacional estará representada pola israelí Rutu Modan e o francés Etienne Davodeau. A primeira autora é fundadora do colectivo Actus Tragicus, formado por autores israelís que publican en inglés cara ao mercado anglosaxón. A artífice de Metralla falará co público de Viñetas dende o Atlántico ás seis e media.
A xornada pecharaa Etienne Davodeau, autor da triloxía Les amis de Saltiel, Un monde si tranquile e Rural. que falará a partir das oito. Así mesmo, o público seguidor de Yoshihiro Tatsumi, Jean-Louis Tripp, Jeff Smith, Juanjo Saez, Sergi San Julián e Santiago Valenzuela terá a oportunidade, a partir das seis e media, de que os propios autores lles asinen exemplares.