Durante sete días, cinco salas de exposición da cidade amosan obras dos autores convidados e un percorrido polos últimos dez anos de cómic.
O luns ábrese a décima edición do festival de banda deseñada Viñetas dende o Atlántico, que converterá A Coruña na capital do cómic durante toda a semana. Ademais dos postos abertos nos xardíns de Méndez Núñez, as actividades do salón distribúense ao longo da cidade, co fin de levar a banda deseñada á rúa.
Deste xeito, pódese facer unha visita por toda A Coruña, convertida nunha sorte de parque temático do cómic. Na sala de exposicións da Casa do Concello, en María Pita, amósanse O cómic político durante a transición democrática e mais 10 carteis de Viñetas, que percorre a historia do festival a través dos seus cartaces e mais dunha galería fotográfica.
No Kiosco Alfonso, nos xardíns de Méndez Núñez, atópanse mostras dos traballos dalgúns dos autores que estarán presentes durante a semana: Tim Sale, Yoshihiro Tatsumi, Jean-Louis Tripp, Sergi San Julián e Étienne Davodeau.
Non moi lonxe de alí, as ilustracións de Rutu Modan, Juanjo Sáez, Jeff Smith e Santiago Valenzuela amósanse na sala de exposicións do Palexco, no peirao de Transatlánticos. No mesmo espazo está exposto unha escolma d'A novela gráfica.
Na sala Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga, están dispoñíbeis os gañadores e finalistas do Premio Castelao da Deputación da Coruña e mais un repaso aos últimos dez anos de viñetas en Galiza. Noutra punta da cidade, no Aquarium Finisterrae, atópase a exposición Barcos de papel.
Aínda que o salón está aberto dende o luns, será o martes 14 cando se inauguren as conferencias e presentacións oficiais de publicacións e proxectos. Até o domingo 19 haberá tempo de percorrer e visitar a ampla oferta de Viñetas dende o Atlántico.