Este luns chegou á cidade da Coruña unha nova edición do Salón Internacional do Cómic e xa van nove. Dúas semanas nas que poder ver en diferentes espazos da cidade as viñetas dos superheroes, os traballos máis recentes ou os documentos gráficos da Guerra civil. Diversidade de propostas para unha cita que xa se consolida a nivel internacional. A lectura en ringleiras volve desde a mistura entre e a realidade e a ficción, mais xa co referente da cultura da banda deseñada galega a nivel internacional.
Viñetas do atlántico ofrécenos a posibilidade de ver as creacións de autores como Frederik Peeters, Brent Anderson, Asad Ribic, ou Kim ademais de achegar á cidade unha vez máis o mundo da banda deseñada, cando Galiza se confirma como unha potencia creadora do cómic. Desde a temática social, o salón ofrece A guerra de papel, sumándose así ao Ano da Memoria Histórica. A exposición, comisariada por Antonio Martín, amosa historietas dos dous bandos, ademais dos debuxos de Kim, creador da personaxe da revista El Jueves, Martínez el Facha, figura do cómic que perviviu case os trinta anos de historia da revista. Ambas as dúas mostras no pazo de María Pita.
Por primeira vez nesta edición se incorpora ás ubicacións habituais do Kiosco Alfonso, Palexco, o Pazo de María Pita e o Edificio Municipal de Durán Loriga, a Casa dos Peixes. Alí se exporá Un mar de Viñetas, mostra de temática mariñeira. Pola súa banda, o Kiosco Alfonso colgará os originais do debuxante norteamericano Brent Anderson, o francés Frederik Peeters, o canadense Guy Delisle, ou o español Ángel de la Calle. Ademais, a sá de Exposicións de Palexco acollerá tamén os debuxos orixinais dos norteamericanos Bruce Timm e Jessica Abel, e dos españois Lorenzo Gómez e Fermín Salís, xunto co francés Manu Larcenet.
Na Coruña, entre os días 14 e 20 de agosto, a cita co mundo dos cadriños vai volver salpicar de tinta e debuxos os visitantes do salón do cómic. A presencia de autores americanos, canadenses e europeos fará que os autores máis recoñecidos como Brent Anderson, autor da novela gráfica dos X-Men, Dios ama, el hombre mata, se achegue á cidade para amosar a súa obra. Tamén, e como é habitual neste certame, se despregará nos xardíns de Méndez Núñez a feira editorial, na que exporán e venderán as súas publicacións perto de corenta editoriais e librarías especializadas no mundo da historieta.
Por último, na sala de Durán Loriga exporase tamén a obra do autor premiado na segunda edición do certame Banda Deseñada Castelao, que patrocina la Deputación da Coruña. A obra gañadora é Un hombre feliz, do ilustrador galego Antonio Seijas Cruz.