Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUMENTA A CONFUSIÓN NAS OPOSICIÓNS A PROFESORES

A Xunta permite que os interinos excluídos manteñan o seu posto

Unha fotografía proba que Educación si instruíu a certos tribunais sobre como xulgar os eliminados, algo que agora se nega a facer en conxunto.

M. Vilas - 12:16 06/07/2007
A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, responsábel das oposicións

A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, responsábel das oposicións

Excluír unicamente aqueles candidatos cuxas programacións non cumpren os requisitos “de forma notoria e manifesta”. Esta é a instrución que a Consellería de Educación dá publicamente aos tribunais a raíz da Mesa Sectorial, reunida o xoves para clarificar as polémicas oposicións a profesor de secundaria.

Centos de aspirantes están a ser eliminados por presentaren as súas programacións con erros formais, como un tipo de letra diferente ou mesmo imprimir a dobre cara.

Boas novas para os interinos
Un dos puntos máis polémicos é a situación dos interinos e substitutos con programacións con defectos de forma. Para este colectivo hai boas noticias, pois a Xunta especifica que “non serán excluídos das correspondentes relacións de contratación”.

E é que moitos deles figuraban como 'non presentados' nos resultados das probas, algo que faría que perderan o seu posto nas listas. A Xunta explicoulle aos sindicatos que todo se debía a un “erro informático”, algo que, dende fontes sindicais, considérase “unha escusa barata”.

Falta dun criterio único nos tribunais
O que non fará a Xunta é enviar unha instrución a todos os tribunais sobre como xulgar os defectos de forma, tal e como pedían os sindicatos. CIG e SETEG teñen denunciado que cada tribunal usa un criterio diferente. Educación insistiu o xoves en que os examinadores teñen autonomía para decidir. Pero o certo é que, nalgúns casos, a Xunta si enviou instrucións concretas.

Así o proba unha fotografía remitida a Vieiros, na que se ve un correo electrónico da Consellería no que se instrúe ao tribunal a cualificar os defectos de forma como “non presentados”, algo que desmonta a explicación oficial do “erro informático”. O correo electrónico foi exposto no taboleiro do IES Seoane de Pontevedra.

Algunhas reclamacións terán prioridade sobre outras
O barullo é tal que a propia consellería tivo que aclarar cal é o proceso de reclamación. Os afectados deben impugnar primeiro ante os tribunais e logo ante a propia Consellería. Unha solución difícil, pois algúns tribunais néganse a recoller as reclamacións, denuncia CC.OO.

O número de afectados, segundo o SETEG, pode superar os catrocentos. A cantidade de reclamacións que se lle veñen enriba á administración é tal que Educación anunciou prioridade para “aqueles que logo dunha primeira revisión inicial se puidese desprender a posibilidade de que tiveran que ser estimados na vía administrativa”.

Especulacións sobre que recursos se aceptarán
Dende fontes sindicais prevén que, finalmente, Educación acepte algúns recursos por erros de forma menores -como imprimir a dobre folla-; pero non doutro tipo como, por exemplo, ter presentado máis de 60 follas de programación. Este proceso de oposicións é o máis numeroso nunca convocado para o ensino público galego.


4,25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: