A burbulla inmobiliaria non vai estoupar, pois o axuste dos prezos será progresivo, segundo o informe.
O estudo sobre a situación inmobiliaria elaborado polo BBVA e presentado este xoves afirma que o prezo da vivenda se irá freando até se estabilizar no ano 2009. De todos os xeitos, isto non vai supoñer o estoupido da burbulla inmobiliaria, pois o axuste do mercado será moderado e paulatino.
As previsións indican que o prezo medio da vivenda subirá un 1,4% o vindeiro ano e manterase no mesmo nivel no 2009. Isto significa que o sector inmobiliario se seguirá a encarecer, aínda que nalgunhas zonas costeiras podería baixar o custo da vivenda.
A moderación dos prezos será paulatina, polo que o estudo do BBVA non prevé que se produza unha crise económica nin un impacto excesivo no emprego até finais de 2008. Por outra banda, o esforzo salarial medio das familias acadará o seu teito entre 2007 e 2008, e empezará a reducirse en 2009, coa moderación dos prezos da vivenda e a fin da suba dos tipos de xuros, que chegarán até o 4,5%.