A presidenta do parlamento navarro, Elena Torres, di que non ve "tan difícil" un acordo entre PSN e NaBai e pide un "goberno de cambio".
O nacionalista Patxi Zabaleta aspira a presidir o goberno navarro
Malia que o inicio do proceso para a elección do futuro presidente de Nafarroa estaba previsto para este venres, a presidenta do parlamento foral, a socialista Elena Torres, anunciou que se pospón até o 4 de xullo.
Xa que logo, será ese día cando se produza a primeira votación e, de non lograr ninguén a maioría absoluta, a votación repetirase ao día seguinte cando a maioría simple será suficiente para elixir ao xefe do goberno navarro.
Torre que recibirá este venres aos candidatos a presidente, sinalou en declaracións a Radio Euskadi que non ve "tan difícil" un acordo entre PSN e Nafarroa Bai, e neste senso, fixo un chamamento para que se logre un "goberno de cambio".
Por outra banda, o diario español El País afirma na edición deste luns que as dúas formacións conseguiron chegar a acordos sobre o 70% dos seus programas. As maiores diferenzas están na denominación institucional de Nafarroa e na ensinanza do éuscaro neste territorio.