Natureza, corpo, memoria e olladas de cor e esperanza vertebran este Unha imaxe para o galego, procura de actualización para os referentes visuais de noso.
Baixo o presuposto de fuxir dos tópicos, este ano contamos con cento tres olladas en Unha imaxe para o galego, o concurso organizado coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Falamos delas porque necesitamos poñerlle palabras á imaxe do país, que son moitas, que precisan ser revisadas a cada tanto, que non atopamos, coa ansia pola necesidade dun arquivo visual. E nun intento de estabelecermos trazos comúns, creamos pequenos álbums que nos guíen.
A natureza-non paisaxe
Ameazadora, vizosa ou resistente diante do adverso, verde en tons diferentes, azul do mar e as cores da terra, da area ou da chorima seguen dominando o noso reflexo, hoxe lonxe do costumismo e tratando de unir conciencia ecolóxica e lingüística, nesa 'Árbore a medio queimar' ou en 'A forza da auga no tempo'.
O corpo-memoria
Imaxes de meniños compoñen a parte máis numerosa deste apartado, todas elas ligadas pola esperanza -'Roi lendo o seu primeiro libro'- aplacada en canto pasamos a fotos de adultos -'Silencio', ou 'Sen vergonza', onde aflora a diglosia-.
Tamén a meirande parte das imaxes en que aparecen persoas están encadradas en espazos abertos, nomeadamente bosque e mar. Así en 'Lingua alén', onde unha meniña mira cara ao océano, ou en 'De Bares a Sagres'.
No ronsel dalgunhas das máis gozosas campañas da Mesa pola Normalización están 'Dálle cor á túa lingua' ou 'Contacto'.
Os sinais-identidade
Os textos de sinais e placas son outro dos motivos aos que os participantes no concurso recorreron. Así a fotografía sen título de Jorge Pérez Arias co 'tuneado' dunha placa oficial, a reivindicación de Miguel Ríos Torres en contra do bilingüismo na sinaléctica, 'Toponimia de beiraestrada' ou 'Amósalles o camiño', unha das que recibiu maior apoio dos comentaristas do xornal.
E tirando cara a un trazo identitario en tempos pretéritos asociado á lingua, os concursante non eluden os motivos do folclore en 'Galegos de alén mar' ou 'Esperanza', esta cunha composición que nos pide mirar outra vez.
O arco da vella-esperanza
Quizais entre as olladas máis suxestivas, por novas e formuladas en clave que escora cara ao positivo, están a serie de fotografías en que o dominante á a cor, sexa unha en 'Regálalle un doce á lingua', esta 'Triglosia' de xogo cromático plurisignificativo, ou sexa a aposta polo arco da vella de 'As novas cores da lingua I'.
Estamos no mundo
E tinguidas transvesalmente por unha certa idea de modernidade e universalismo temos desde a rosa dos ventos da atlantista 'Un país que fala a lingua da roseta' até o aceiro e cristal de 'O espello polifacetado en que nos construímos' ou 'Habitación do emigrado 2.0' que nos fai pensar na importancia da tecnoloxía para aquilo de estarmos no mundo.
O nacente Teutubo
O apartado de vídeos ficou desta xeira nunha certa invisibilidade debida á tan escasa participación. Malia isto, debemos salientar o nivel de retranca contida na achega de Alberto Dafonte, o esforzo de síntese de Carlos Ferreiro ou a sinxeleza da proposta de Suso Sanmartín en que se apunta lucidamente cara á escola como elemento desgaleguizador.
Nunha tentativa de ollada xeral, toca agradecer aos participantes o traballo de reparar na imaxe menos transitada, de facer por situar ese lugar común en que, por veces para mal, se colocou o discurso sobre a lingua, tamén no visual. E agardarmos pola imaxe número un deste flickr.gal.